O día que Benedicto cantou para min

jpgAntón Riveiro Coello. As hemerotecas serven para poñer firme a memoria e datar feitos que se volven volátiles, fuxidíos. Nas páxinas de Santiago de La Voz de Galicia atopei unha reportaxe asinada por L. R. A., o 14 de marzo de 1985. Nela recóllense as actuacións dos oito finalistas do Festival da Canción Universitaria celebrado no audito-rio do colexio “La Salle”. Pemón Bouzas era membro dun xurado que tivo que escoller entre trinta e seis candidatos procedentes de universidades de toda España. Entre eses oito elixidos había xente de moito nivel, como a soprano Carmen Subrido, que encheu a sala coa potencia da súa voz e nos fixo sentir uns intrusos a Eva e mais a min, que actuabamos en último lugar, coma un dúo vacilante, improvisado ad hoc no Burgo das Nacións. Iso si, cantabamos temas propios, adobiados cunha morea de versos case heideggerianos, ao dicir do xornalista. Evidentemente, ese serán impúxose a xustiza e non gañamos, mais a noite estendeuse e tróuxonos un agasallo que agora cobra un valor novo. Untiffftled-1-300x300Pois ben, un pouco para esconxurarmos os nervios e outro moito para celebrarmos o noso éxito por chegar á final, rematamos no Dado Dadá, cando xa estaban a piques de pechar. Nada máis abrir a porta, un rumor afinado de voces seseantes turrou de nós. Pertencía a un grupo de amigos, maiores ca nós, que remontaban coas súas voces a do Zeca Afonso que saía coma un aloumiño dos altofalantes. Todos sabían as letras de memoria. E, cando parou a música, un deles pediume a guitarra e deu en cantar un tema tan delicioso que axiña espertou en min un desexo plaxiario. Era Benedicto, sóubeno días máis tarde, pero esa noite non só cantou para nós nesa intimidade xubilosa, senón que tamén tivo o detalle de nos pagar as copas. Todo un señor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *