Camiños de auga

BJ29C2F6_212521Jose Lires. O día amencía fresco e húmido prometendo calor abafante. Un abrente, no que o resío se enfrontaba á evaporación baixo os ameazantes raios de sol, retrotraía-me a aquelas mañanciñas de veráns xa vividos. Eses días da infancia onde, co curso rematado e un longo tempo por gastar, as xornadas antollábanse eternas, cheas de xogos ao aire libre por entre hortas, prados e bosquetes próximos que deshumanizaban o centro do pobo. Non atopo mellor fórmula para trasladar esas sensacións aos meus fillos, afeitos á monotonía nunha vila cada vez máis compactada entre o formigón e o asfalto, que facelos partícipes dunha andaina por terras de auga e monte.

A ruta elixida parte da antiga central hidroeléctrica do Tambre, un rexo edificio de granito, material adherido ao ADN do seu creador, Antonio Palacios. Aquí dedicámoslle un momento a escudriñar o plano da contorna e calcular tempos que nos permitan gozar sen atrancos da xornada. O camiño levaranos, augas arriba, ata o encoro do río.

Os primeiros pasos condúcennos cara á ponte colgante, un lugar de obrigada visita mais pouco apto para aqueles que sofren dunha vertixe extrema. Dende esta atalaia constatamos unha realidade común aos nosos espazos naturais: a perda dos riscos primixenios, avalada polas nosas neglixentes actuacións sobre o medio. Neste caso, as acacias negras e os eucaliptos, especies invasoras asentadas á beira do río, desprazan a flora autóctona, privando a paisaxe dos tons camaleónicos dos bosques de galería.

Río arriba, a canle vai gañando en naturalidade, conservando aínda vestixios da actividade pesqueira tradicional, ferida de morte pola posterior construción do encoro. Son espazos onde o río alterna tramos de moderado estreitamento, de augas ceibes impacientes por mesturarse no esteiro, con outros de augas domadas, acomodadas en pequenos remansos.

A morfoloxía das ribeiras denota a dinámica das correntes. Aló, onde a corrente acada maior velocidade, na marxe convexa da canle, o río teima en erosionar o duro granito. Na ribeira contraria consegue acumular os sedimentos transportados, formando pequenos depósitos de area e coídos. Aos cativos chámanlles a atención unhas cavidades de bordes redondeados escavadas no leito. Quen fixo iso? preguntan. Son marmitas de xigante! respondo adiviñando a súa reacción. Non me equivoco. Os rapaces, incapaces de disimular o seu asombro polo termo, danme pé a explicarlles a súa xénese, relacionada co impacto de fragmentos de rocha movidos pola acción xiratoria da auga dentro da cavidade. Nada sobrenatural no proceso.

Lugar sombrío

Logo dun tramo de ascenso moderado, a senda introdúcenos nun lugar sombrío de vexetación espesa, impenetrábel á luz solar. En resposta a este escenario, o chan e os bordos rochosos do sendeiro tornan nun manto verde e húmido favorecendo a retención de auga en pequenas charcas. Unha morea de ras alborótanse ao sentir as vibracións dos pasos, e brincan áxiles entre os nosos pés para desaparecer na lama. Hai que ir con tento.

Os camiñantes solicitan un intre de descanso para acometer a penúltima parte do percorrido, na que gozaremos dun espectacular reduto de bosque atlántico, conformado por unha gran diversidade de frondosas autóctonas (carballos, castiñeiros, cerquiños, cerdeiras, bidueiros…), antes de alcanzar a canle artificial de derivación da central.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *