Estampas de corrupción

barrañaAntón Riveiro Coello. O mapa da corrupción en España é desesperante. A percepción de que todo é sistémico e nada se pode facer convoca unha cultura da tolerancia. As novas na prensa e na televisión constrúen un odio unánime cara a ese sinistro pracer de roubar non só cantidades obscenas senón outras de menor entidade, á escala das posibilidades de cadaquén. Pero nós, estamos a salvo? A xustiza disuade? É talvez unha cuestión de educación? Esas son boas preguntas porque no cotián agroman os exemplos. Aí atrás, na praia de Barraña, unha familia de turistas concentrou en si todos os síntomas da corrupción: un avó cunha botella de sal fai asomar longueiróns da area, a avoa apaña ameixas con rabiosa cobiza, o seu fillo, duns corenta anos, lava o can con xabón na praia, e os netos, vítimas pasivas dos actos reprobables dos maiores, báñanse na auga infecta dun regato que cobreguea cara ao mar. Trago cuspe e estou danado por lles dicir algo, pero non o fago. Só agardo que aparezan os vixilantes das confrarías.

Ao cabo dunha hora, o avó, con cara amarga e ollada disolvente, chega a Salvamento e láiase porque cravou un resto de cuncha nun pé e non hai ninguén. Chegan ás doce, dígolle, e el ponse nas nubes porque esas seica non son horas, calquera pode afogar, mesmo nunha praia inofensiva coma esta. Marcho anoxado pola súa actitude esixente e o mal exemplo que lles está a dar aos netos.

Por sorte, á tarde, un coche atranca o paso ao meu garaxe. Toco a bucina con teimosía e, por fin, aparece a policía municipal case a un tempo que o maldito avó corrupto. Este suplica con voz amable que esquezan a infracción, mais, desta volta, os axentes esténdenlle a multa e fan que eu me reconcilie coa xustiza e o mundo. Hai esperanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *