Jeanette, de Victoriano García Martí

57500007Fidel Vidal. Estouno vendo sentado na porta da súa casa do Areal tomando a fresca. Victoriano García Martí (Pobra do Caramiñal, 1882-Santiago de Compostela, 1966) avogado, liberal ilustrado que estudou socioloxía na Sorbona con Durkheim e Bergson, durante a súa estadía en París relacionouse con Sofía Casanova. Amigo persoal de Azaña e de Ortega, autor d’ Unha punta de Europa (ritmo e matices da vida galega) e, das non menos coñecidas A morte. Meditación, Rosalía de Castro ou a dor de vivir, tamén escribiu magníficos contos. Jeanette é un deles, incluído na escolma de Contistas españois do século XX (Aguilar, 1963).

Nun ton melodramático Jeanette relata a historia dunha pobre rapaza e das vicisitudes ás que se tivo que enfrontar, particular e especialmente en París. Son tempos de bohemia no barrio Latino, no bar du Panthéon, de jazz-band, de petites femmes, desas “flores de París” que poden ser seducidas e enganadas por un estudante da Sorbona. Unha delas, Jeanette, despois de insistiren os presentes, é quen de detallar cada suceso da súa triste vida. Se decidiu fuxir da vila natal, onde traballaba nunha fábrica de botóns por un xornal de miseria, foi porque, embarazada do seu mozo, este abandonouna.

Unha vez en París, soa, sen roupa, pasando fame, aconsellada por unha malvada do oficio, unha noite “dirixe os seus pasos cara aos Campos Elíseos”. Sen acceso aos “teatros de verán”, mergullouse na ”vertixe do luxo, como un soño infernal”… “Cantos de frivolidade, ecos de violíns, perfumes de flores e perfumes de mulleres elegantes”, femmes du monde, e cocottes envoltas en creacións de Paquin “eran, sobre todo, a tortura de Jeanette”, “aqueles arreos de luxo mesmo favorecían ás mulleres feas, ás vellas, ás pintadas…”

220px-Don_Severo_Carballo_del_alma_gallega_novela_por_Victoriano_García_MartíDesfalecida caeu enriba dun banco do paseo. En canto acordou non sabía se estaba a soñar ao topar cun “cabaleiro correctamente vestido” que a interrogaba. Ela dixo: “Señor, teño fame!”. O señor convidouna a comer. O chofer, que conducía un magnifico auto, acercounos até o restaurante. Unha vez dentro, o cabaleiro preguntoulle onde vivía. Ela, nerviosa, dixo: “Señor, se vostede quere…”. “Non, non –interrompeuna el- dime o enderezo da túa casa”.

Chegados ao lugar sinalado, “o xentil e candoroso acompañante deulle douscentos francos”. Ante tal confesión, os asistentes non daban creto e querían saber quen podería ser aquel espléndido e xeneroso cabaleiro. “Podemos sabelo?”, preguntaron con expectante curiosidade. Jeanette non tardou en responder: “Era -dixo Jeanette, como cravándose lentamente un puñal no medio do corazón, sempre coa risa nos labios-, era un membro da Sociedade Protectora de Animais”.

2 comentarios en “Jeanette, de Victoriano García Martí

    1. Alégrame que a resención sobre o conto de García Martí che anime a ler un autor un tanto esquecido, amigo Jesús. Creo que a maior parte das súas obras están descatalogadas. Sorte e bo verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *