Pilar Sampedro. 25 anos non son nada. Pois si, pasaron 25 anos desde a primeira edición do libro Rapazas de Agustín Fernández Paz. Un libro de referencia para o tratamento de xénero dentro da literatura infantil e xuvenil galega. Dende o propio título, o autor fainas presentes, visibilízaas e quere dirixirse a elas para falarlles das súas inquietudes a respecto da desigualdade entre homes e mulleres na sociedade. Tratase dun libro de relatos. Todos eles protagonizados por rapazas, nesa etapa fronteiriza da adolescencia. No primeiro deles, “Visitante das estrelas”, responde ao xénero da ciencia ficción: un extraterrestre intégrase no corpo dunha rapaza coa misión de recoller información sobre os terrícolas; vainos chamar a atención esa mirada externa sobre o medio ambiente e a diglosia lingüística. O segundo, “Unha pedra na area”, está escrito a modo de diario, no que Alba conta o que sucede desde o momento no que recolle unha pedra (seguramente resto de meteorito) ata que o devolve á natureza despois de sentir que lle axudou a resolver os seus problemas. “Un curso con Ana” é a estrela maior da obra pois a través de múltiples voces coñecemos o que supuxo para varios compañeiros e compañeiras compartir con Ana o curso anterior; ela é coma un terremoto que fai cambalear todo o edificio sexista poñendo o dedo na chaga de cada un dos comportamentos discriminatorios e traballando no cotián pola igualdade real da muller. En “Querida avoa” un narrador en terceira persoa descríbenos a relación entre unha neta e a súa avoa; como a pequena –a pesar do seu cariño– cae na conta dos comportamentos racistas da avoa e o seu medo aos cambios que se está a producir. “A primeira meta” colle entre as mans o mundo do deporte escolar, os esforzos da profesora por cambiar estereotipos e os problemas da rapaza que quere correr e competir no mundo do atletismo. “Dúas rosas murchas” é un relato no que a modo de flash back a rapaza protagonista nos conta o tempo de vacacións na aldea e o seu encontro co sobrenatural.
Dise que algún dos relatos nace a partir dun curso ao que o creador asiste sobre a igualdde de xénero, ao final do cal se debería presentar un traballo e el decide facelo da maneira que mellor sabe, a través da literatura. Relatos moi distintos, con voces narradoras moi dispares, pero cun obxectivo claro: facer visible o mundo das rapazas e a súa loita pola igualdade. Unha acción positiva que acada o grao de excelencia transversal cando con toda autenticidade se trata o uso sexista da linguaxe, os prexuízos, as oportunidades duns e outras, a ocultación do papel das mulleres na Historia, a situación das mulleres na clase de educación física ou nos deportes, o papel “decorativo” que ás veces se lles asigna…
Moi boa literatura escrita para adolescentes onde os valores que se transmiten (como en todo libro, queiramos ou non) son claramente democráticos e onde se anima a modificar a realidade, porque “a verdade é que un cambio mínimo provoca modificacións en cadea” que poden poñer a andar unha engrenaxe imparable.