Galicia e os galegos na poesía castelá XCII. Lorca, sempre Lorca (I)

Seis poemas galegosRomán Arén. Lorca, Federico (tivo un irmán tamén poeta, Francisco), é un dos grandes poetas da lingua castelá e como tal xera unha bibliografía enorme. Hai anos que non lía toda a súa poesía, cousa que remato de facer agora con Diván del Tamarit, que se considera a súa derradeira obra poética, que non se publicou completa ata 1938 en Bos Aires, da man do cuñado de Borges, Guilermo de Torre. Eu manexo agora a edición de Cátedra (2018), a cargo de Pepa Merlo, que xa coñecía pola súa antoloxía Peces en la tierra. Antología de mujeres poetas en torno a la Generación del 27 (Sevilla, 2010), o que me fai reencontrarme coa “Casida VII de la rosa”, dedicada ao galego Ángel Lázaro e que xa se publicara na revista <Noreste> de Zaragoza en 1935, aínda que Pepa Merlo parte do manuscrito de Lorca para facer algunhas variantes de puntuación. É discutible se Diván del Tamarit é totalmente posterior aos Seis poemas galegos (1935) porque algúns poemas do diván xa se publicaron en 1932 e 1934. sexa como for, o Diván é a unión e a síntese da poesía lorquiana: poesía popular, arábigo-andaluz, imaxes de vangarda, a miúdo de raíz surrealista. Eis a “Casida VV de la rosa”:

La rosa / no buscaba la aurora. / Casi eterna en su ramo buscaba otra cosa.//La rosa/no buscaba ni ciencia ni sombra,/confín de carne y sueño, buscaba otra cosa.//La rosa/no buscaba la rosa/inmóvil por el cielo buscaba otra cosa.

Xa anotei que foi dedicada ao galego Ángel Lázaro, que foi un bo dramaturgo na liña de Alejandro Casona, poeta posmodernista moi digno de atención, aínda que ausente das antoloxías, ensaísta e xornalista, pero tamén poeta en lingua galega, autor de Lonxe.

Ás veces Ángel Lázaro asinaba como “Proel”, e con ese pseudónimo fixo unha entrevista a García Lorca para o xornal madrileño <La Voz> (18 de febreiro de 1935), recollida xa dende 1996 nas Completas de Lorca e agora de novo en Palabra de Lorca. Declaraciones y entrevistas completas (Barcelona, Malpaso, 2017), a cargo de Rafael Inglada (coa colaboración de Víctor Fernández).Lorca obradoiro lua A entrevista leva por título “Federico García Lorca, el poeta que no se quiere encadenar”, onde destaca a sinxeleza do poeta e o predominio do temperamento dramático e o afán de anovar sempre na súa obra, ademais de pasar revista á recente visita a América do autor do Romancero Gitano e onde Lorca anuncia o Llanto por Sánchez Mejías e unha obra descoñecida, Introducción a la muerte, “donde recogeré unos trescientos poemas”. Pero o libro da editorial Malpaso aínda contén outros traballos de interese para Galicia: “Evocación de Federico” de Eduardo Blanco-Amor, publicado en <La Nación> de Bos Aires (21 de outubro de 1956), que xa coñecía, e a entrevista “Un rato de charla con García Lorca”, que descoñecía. Trátase da entrevista que lle fixo o galego José Rodríguez Lence en Bos Aires e que se publicou en <Correo de Galicia> o 22 de outubro de 1933, acompañada da fotografía do entrevistador e o entrevistado. É moi interesante para coñecer as opinións de Lorca sobre Galicia (“Llevo a Galicia en el corazón, porque en ella he vivido y he soñado mucho; para mí es mejor soñar que vivir”), sobre Compostela, sobre a súa poesía en galego (“me sentí poeta gallego, y una imperiosa necesidad de hacer versos, su cantar me obligó a estudiar a Galicia y su dialecto o idioma, para lo maravilloso es igual…”).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *