Sobre as lendas (II)

9789871489004César Alen. Atopeino na idade xusta, adecuada, a piques de zozobrar na  dispendiosa puberdade. O certo é que non recordo como chegou ás miñas mans, algún amigo adiantado, un profesor cultivado. O importante é que descubrín as Vidas imaxinarias de Marcel  Schwob, edición de peto (Bruguera-libro amigo) que ben soaban esas palabras e que certeiras. O libro ofrecíame a súa amizade, non a súa mercadoría, a súa amizade, moi afastado do  exacerbado  mercantilismo actual. De todos os curtos relatos extraín un enorme coñecemento. A simple lectura dos títulos transportábame a mundos  mitolóxicos, antigas lendas, probables verdades. O nome do protagonista vai acompañado dunha certeira definición, adxectivos a maior parte, mesmo substantivos, pero que nos achegan de forma  primorosa ao personaxe. Son como pequenas pistas, faragullas de pan para que sigamos o camiño:  Empédocles, Suposto deus.  Eróstrato, incendiario,  Crates, o  cínico, Sétima, Encantadora.  Lucrecio, Poeta.  Clodia, Matrona  impúdica.  Petronio, Novelista.  Sfrah,  Geomántico,  Frate  Dolcino,  Hereje.  Cecco  Agiolieri, Poeta resentido. Paolo  Uccello, Pintor.  Nicolas  Layseleur, xuíz.  Katherine a  Randera, Rapariga de amoríos. Alain o Simpático, Soldado, Gabriel  Spenser, actor.  Pocahontas, Princesa. Cyril  Tourneur, Poeta Tráxico. William  Phips, Pescador de tesouros. O capitán Kid, Pirata.  Walter Kennedy, pirata analfabeto, O maior  Stede  Bonnet, Pirata por vocación. Os señores Burke e  Hare, asasinos.

Aprendinos de memoria a base de repetilos na miña mente. Resúltame  terapéutico, inspirador camiñar e recitar esta ladaíña. O simple feito de nomealos, de lelos, de coñecelos proporcióname a doce e enganosa conciencia de  erudición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *