As primeiras regulacións na construción das vilas

A Historia. As primeiras.._Pedro García Vidal. Ata o século XIX, só as limitacións de policía poñían límite ao dereito a edificar dos cidadáns. Ata este momento, toda a actividade urbanística, que era netamente municipal xa que o Estado apenas interviña, viña rexéndose por “normas de policía urbana” que regulaban multitude de aspectos moi diversos, entre os que estaban os urbanísticos.A denominada policía urbana comprendía unha serie de cometidos a cargo do Concello, que tiñan directa relación coa seguridade, salubridade, comodidade e ornato das poboacións. Por iso, con respecto ao urbanismo, as normas de policía urbana teñen unha grande importancia. Preocúpanse polas comodidades dos habitantes da mesma, a mellora e conservación das devanditas condicións de beleza e ornato mediante as rectificacións necesarias, e tamén comprende, xeralmente, todo canto se refire á hixiene da vía pública e a construción.

A necesidade de regular a edificación nas cidades xorde xa no alto medievo reflectida nos foros tradicionais e nas ordenanzas municipais. Trátase dunha regulación mínima dirixida a evitar os abusos ou molestias entre veciños e a garantir o uso de vías e espazos comúns. As ordenanzas  posuían un forte carácter práctico. Nas medievais vilas de Muros e Noia contamos cunha serie destes documentos que fan referencia a aspectos urbanos, os máis antigos de principios do século XV. Son as “Ordenanzas de la Villa de Muros dadas por su señor el Arzobispo de Santiago D. Lope de Mendoza, en el año de 1406” e  os “Fueros romanceados de Noia” na parte redactada a principios do século XV. Nos dous casos trátase de regulamentos que non fan máis que consignar usos e costumes que viñan de tempos remotos. A necesidade deste ordenamento vén xustificada nos documentos mesmos polas dificultades que xorden no goberno das entidades urbanas, pois “a donde ha muchos necesaria es la discordia”, e dado que a discordia  “aya logar en todas universidades i pueblos i comunidades mocho mas ha logar en las cibdades i villas”, conclúese que  “por lo qual á los señores dellas es mucha grand carga quando no les ordenan i dan buen regimiento”. Por conseguinte, estas primeiras ordenanzas de principios do século XV céntranse en aspectos relativos ao bo goberno das vilas dirixidas a conseguir que os seus moradores e poboadores poidan ser “gouernados en justicia y en bondat”. A referencia a épocas pasadas – “otros tiempos” -, pon de manifesto a pretérita existencia de normas para o bo goberno das vilas. En realidade tratábase de decretos ou leis que se ían renovando e mellorando cada ano e que, en moitos casos, son coincidentes as de varias localidades. Por exemplo, as “Ordenanzas de la villa de Muros de 1560” coinciden en moitos aspectos coas Ordenanzas da veciña vila de Noia de 1549.

Ao traveso da detida lectura das ordenanzas sacamos valiosa información sobre aspectos relacionados co urbanismo, principalmente aqueles que se refiren á ocupación e hixiene das vías públicas, como  por exemplo cando se fala  dos postos de venda de carne e se indica aos vendedores que cada sábado limpen os bancos e postos onde tivesen que pesar e cortar a carne; ou a obriga dos veciños de limpar a parte da rúa correspondente aos días de festa. Igualmente se regula o horario de saída e recollida de animais fóra do espazo amurallado para evitar que deambulen pola vila. Un aspecto importante do urbanismo desta época era que cada veciño ía ter a obriga de reparar a parte da rúa que correspondía á súa fachada, así como as canles augadoiros das súas casas. Tamén, aínda que en menor medida, figuran artigos máis especificamente urbanísticos, como por exemplo aqueles que tratan da regularización de rúas e prazas. Ou aqueloutros que precisan incluso o tamaño que debían ter os solares, ou formales: “Sy algun onbre quisier faser casa en la villa en lugar que nunca fue fecha, deue dar al mayordomo un mri. Se o formal for doyto pasos en longo e de quatro en ancho. E se for medio formal deue a dar quatro soldos. E esto deuen a faser os viziños como os que non son viziños”.

En definitiva, no articulado das numerosas ordenanzas anteriores ao século XIX atopamos o que sería a preocupación primeira polo espazo público, e que contribuiría en grande medida á súa conformación no que hoxe coñecemos como cascos históricos das nosas vilas e cidades.

Pé de imaxe: Ao longo da historia urbana das nosas vilas, diferentes Ordenanzas Municipais publicadas en distintos momentos temporais e cunha xeneralización na súa aplicación a mediados do XIX, van tentar organizar dalgún xeito a vida cidadá converténdose nun claro precedente da Planificación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>