Moitos anos despois…: os libros de Antía Cal

librodosnenosPilar Sampedro. Moitos anos despois, fronte ao público asistente á presentación, Antía Cal tapa a cara nun xesto emotivo; cando o fillo lle fai demanda de descubrirse, afirma: “El tiña que estar aquí”, e ese “el” é o Antón Beiras, que asina con ela o libro. Todo o que ten que ver con Antía e o seu home ten esta carga de afectividade e dignidade que non deixan de sorprendernos. Unha parella que vai da man en todo o importante, ata o punto de que Antía titula as súas memorias Este camiño que fixemos xuntos. Isto fixérase tamén evidente no documental de Miguel Piñeiro, A palabra xusta, cando se nos revelan as cartas de Antón á súa muller que serven de fondo ao relato cinematográfico; as reflexións deste médico galeguista son leccións de ética e cariño en estado puro. Antón Beiras, que proviña das xuventudes galeguistas, é a persoa a quen lle dedica o político Xosé Manuel Beiras o seu libro, O atraso económico da Galiza, e nada é gratuíto: o respecto que Beiras sente polo seu tío vai máis alá dun aval.

O arte e a súa historia (Laiovento, 2017) asinado por Antía Cal e Antón Beiras comeza cun retrato de Antía realizado por Seoane, outro de Antón debuxado por Laxeiro e unha fotografía de ambos no Pórtico da Gloria reflectindo o seu interese artístico que, xunto co afán didáctico, os leva a redactar esta obra.

arteO libro está escrito coma se un narrador se dirixise a un rapaz e lle fose contando o que é a arte e os artistas; vaille falando de cada un dos estilos artísticos, facendo un percorrido desde a Prehistoria ata a actualidade daquela década dos cincuenta na que foi escrito. Completa o relato un anexo fotográfico coas referencias bibliográficas dos libros ou revistas das que son extraídas as imaxes.

Trátase dunha historia da arte escrita hai máis de sesenta anos, dirixida á infancia, redactada en galego e analizando a arte universal sen perder de vista nunca desde onde se parte: da cultura e a arte galega.

O libro dos nenos (Deputación de Lugo, 2018) aparece asinado unicamente por Antía Cal, aínda que recolle un capítulo “Sobre da hixiene”, da autoría de Antón Beiras. Neste caso trátase dunha enciclopedia na que se fala da formación do mundo, a xeografía descritiva de cada un dos continentes, e Galiza.

A voz narrativa é a mesma do libro anterior, unha persoa adulta que se dirixe a un neno ao que vai levando polo camiño do saber universal sen perder nunca de vista o país ao que pertence. É a voz do que ensina ao servizo do compromiso coa educación e coa identidade galega. Un texto que ve a luz “moitos anos despois”, como comezaba García Márquez os Cien años de soledad.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *