Equinoccio

O Fío. FotoMaría Xesús Blanco. No interludio a brisa achega sempre olores mesturados, como de piñeiro enxoito e area mollada. Calquera día unha coloración gris e humedecida anegará esta paisaxe. Mais hoxe a alborada volveu abrir despexada. E o serán zumega un verán que se resiste a esvarar no carreiro do fuxidío. No paseo decido botar man da cámara do móbil, como tantas veces. Será porque non son unha turista neste lugar do que non me canso de ollar a súa luminosidade. E nesta mudanza gustaríame retratar as bolboretas clarexando como alfaias na sombra alongada das silveiras. Elas tamén anhelan o viño das amoras. A primeira imaxe sae desenfocada na pantalla. Arestora son consciente de que hei de conformarme co harmonioso instante da visión. Preto da ribeira corre de súpeto un airiño máis fresco. E presta a contemplación da luz solar mergullándose sen mesura na pel líquida e ousada do horizonte. Atrás quedan as mesas de pedra algareiras con olor a café e a salitre. E a area da praia ateigada de multitudes. Que beleza transmite a nudez da paisaxe! Aínda que a súa tonalidade exhiba unha combinación de cores estraña, unha claridade ambigua.

Imaxe no interludio capturada coa cámara do móbil. Baixo un sol salvaxe que queima o inicio do  outono intúese un vento variable, un nordés amosándose tímido no tránsito do equinoccio.

2 comentarios en “Equinoccio

  1. La belleza es la expresión estética del amor. Tú, María Xesús, rezumas amor en todo lo que escribes.
    ¡¡Que preciosidad !!
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>