Basilio Fernández Barbazán, mestre do galeguismo

O Escritor. Tapal 1 novembro 1950Pastor Rodríguez. Nacido o 4 de xullo de 1904 en Santa Cristina de Barro, Noia, Fernández Barbazán foi perito agrícola profesionalmente, pero ficou na memoria colectiva polo seu amor á cultura. Xuíz de Paz na súa vila, profesor no instituto, escritor en revistas profesionais, foi un dos colaboradores nos anos cincuenta da revista Tapal, onde publicou os seus aforismos co título “Denantes”. Os seus artigos apareceron tamén en La Noche, o xornal vespertino de Compostela. Agrupou outros escritos seus coa denominación “Carapolas”, que publicou en El Correo Gallego. Tamén foi debuxante e un gran afeccionado á conversa, transmitindo o amor ás cousas propias aos mozos, o que lle foi recoñecido por Avilés de Taramancos nun fermoso artigo de 1988, “O Muíño”. Faleceu o 6 de abril de 1989. O concello de Noia expuxo os seus debuxos no ano 1993 e editou un volume cos deseños e textos de Basilio Fernández, prologado por Xaquín Marín. Xosé Agrelo Hermo e Manuel Hermida Iglesias coordinaron o suplemento que lle dedicou a revista Alameda en 2004. Basilio Fernández publicou algúns folletos en edicións non venais como Homes de Noia (1961), Denantes (1961), Homes de Noia II (1968) e Denantes II (1968). Antes da guerra civil participou en política, sempre en defensa do republicanismo e o galeguismo, o que lle valeu para ser sancionado e represaliado nos anos da guerra. Escribiu tamén traballos profesionais coma o titulado “Los peritos y el intrusismo”, na Revista Vinícola y Agrícola de Zaragoza no ano 1935. Xa na súa vellez participou con Avilés de Taramancos e outros autores da bisbarra no xornal Barbanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *