Decano de cátedra

Xoán_Xosé_Fernández_Abella_(AELG)-1Xosé Manuel Lobato. Estrela permanente./Agarimoso porto./Forza e pulo./Permanencia indelébel./Exemplo impar./Vencedora do tempo./Na miña vida, sempre. Arte na composición, dende a xene estilística conquista a erudición para acadar un sofisticado trobar. Xoán Xosé Fernández Abella, poeta por convicción, de profunda formación, realza con cada verso un sofisticado estilo poético. Verso a verso, durante varios lustros, o seu corazón xeneroso foi esa fontela que abrolla fresca na poética de noso. Unha poesía na que o vate é inspirado pola terra nai, unha natura esplendorosa que Xoán sempre defendeu e defende con enérxica e briosa oralidade. A súa poética non esquece as desfeitas e agresións do noso medio natural nin as inxustizas cos máis débiles.

Cando esa mesma natureza se transforma e amosa esplendorosa, entón emerxe a voz  humanizada do poeta, empatía e máxima sensibilidade de Xoán con ese máxico tear natural que se define nunha soa verba,… Galicia.

Porén o poeta, o amigo, acada todos os ámbitos, a súa é unha poesía sen fronteiras, onde as persoas teñen unha importancia especial. Coñecendo a Xoán Xosé, ser humano, xeneroso e profundamente crente na amizade, el logra para amigos e persoeiros, unha ara pétrea onde inmortalizalos nun ritual poético único e mesmo senlleiro.

Abella, o poeta-trobador, non necesita de cítola nin frauta doce, pois os seus versos están impregnados de intensa musicalidade.

Música na letra, na esencia da súa poética, así o demostraron Miro Casabella e Manoele de Felisa, eles son algúns exemplos desa musicalidade na xene, fantástico o poema que leva por título, o ADULÓN.

Pracer para os sentidos escoitar a interpretación  dese adulón poético, orixinal de 1973, aínda que de máxima actualidade no presente.

Caciquiño habitual / e pasteleiro menor. / Tolerado mediador. / Celestino natural. / Adulón reverencial / de quen estea no poder / ou coide se vai poñer. / Amigo do trapicheo, / do conto e do comadreo, /¡Por culpa do non poder!

Así mesmo, espectacular a versión de Calado,  poema dedicado por Abella a Isaac Díaz Pardo.

Estiven tantos anos, ¡ai! Calado, / en terror patolóxico sumido / e en desacordo non comprometido, / que o debo confesar como pecado…

abella-4Outros moitos foron os loados; Rafael Dieste, Neira Vilas, Rosalía Castro, Maruxa Villanueva,… persoeiros aos que amosou o seu sincero recoñecemento. Mais tamén na súa ampla obra encontramos poemas de condena e por suposto, de amor.

Por todo iso, por emocionar con esa voz única, nunha oralidade de profunda emoción, cunha traxectoria dilatada que percorreu canto recital poético se celebra nesta terra…

Chegou a hora, os merecementos son moitos e diversos. Por todo o que significa, a persoa e o poeta, Xoán Xosé Fernández Abella, vai recibir no CEIP do Foxo unha emocionante e sentida homenaxe neste colorido pórtico outonal coincidindo co día das bibliotecas escolares.

Parabéns pola iniciativa para o claustro do CEIP do Foxo, un exemplo do que debe ser un centro educativo publico, de compromiso cunha aprendizaxe de referencias en valores sólidos.

Felicidades, Xoán Xosé, por unha homenaxe que chega dende o berce do coñecemento, un barrelo que no Foxo está perfectamente bambeado por un equipo de profesoras e profesores convencidos dun labor imprescindible para que a sociedade siga avanzando.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *