O pai ten a culpa

hamletFidel Vidal. “A culpa de que?”, dixo Jason. “Que eu saiba ti non resucitaches a Cristo, verdade?” (Willian Faulker, O ruído e a furia). Todo reside no interior. Eu son en tanto interiorizo cada remuíño, cada recuncho, cada misterio da conduta dos homes, cada anhelo agochado, tamén os crimes, por mor do vento. Mesmo se interiorizan os produtos derivados da preguiza, é dicir, un abano dos peores vicios.

Os Hardrada, liñaxe do Rei, segundo Poloño “son preguizosos, e no leito fadíganse de soñar. Son sospeitantes. Lede a historia de Dinamarca: non hai un Hardrada que non teña visto unha pantasma e descuberto unha conspiración” (Álvaro Cunqueiro, Don Hamlet, Xornada Segunda, Escea I).  O nome Hardrada vén do norte noruegués e significa “duro”, “desapiadado”, que goberna con “man dura”.

Como non vai aniñar no interior do fillo a incerteza se, de súpeto, o teu pai, El Rei vello, que acaba de morrer e por quen choras, non era o teu pai? Neste caso o vento está de sobra, ou participa como son de fondo. Como non vas tolear se, por riba, a morte do teu pai foi a mans do seu irmán, o teu tío, El Rei novo? Se isto non fose abondo, como non vas desexar, despois de matalos a todos, a túa propia morte, se sabes que o teu pai é o teu tío, El Rei novo, o asasino do teu outro pai?

HAMLET.- ( … ) Tivo sede e pidéu auga. Déronlla en copa de prata. Doulla seu irmán, que lle tiña o cabalo das rendas. O derradeiro sorbo afogou o seu derradeiro alento. Alí mesmo ergueuse un novo Rei.

pict_e80243efe11040a89f47a76524d958ceCORO.- Un can que lambía na copa caída namentras erguían os soldados novo Rei, tamén morreu. (Xornada Primeira, Escea II) 

Ula a nai? En que clase de labirinto de familia estou metido? E todo por mor do vento? Do vento e da chuvia. As preguntas podémolas continuar até o infinito. Pobre incerto señor Don Hamlet! O seu pai, El Rei vello, morreu envelenado, envelenárono. El Rei, o Pai, El Rei vello, El Rei novo, sempre o Pai ten a culpa  “…A mollada/ tarde me trae a voz, a voz desexada/, do meu pai que non morreu e volve.” (Borges, A chuvia)

HAMLET.- Morto El Rei, eu son Rei. É a lei, a costume, o orde. Son o primoxénito, a frol da sangue, enxendrada na noite nupcial.

CORO.- ¡Non! ¡Non eres!

HAMLET.- (Desenvaina o puñal que leva no cinto) ¿Non son?

CORO.- ¡Non eres! Envaina novamente ise puñal de tan lucida folla. Teño moitas gorxas, cen e máis. Nunca rematarías de degolarme. Recoméndoche calma. Teu verdadeiro pai é El Rei novo. Namoraba a túa nai, tralos tapices da Cámara da Honra. (…) O día das vodas, ti xa estabas de testigo no seu ventre. (Xornada Primeira, Escea II).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *