Buscando o norte

BS28C2F4_204822Xulio Gutiérrez. Todos nos preguntamos como é posible que algúns animais sexan quen de orientarse para faceren longas viaxes de miles de quilómetros sen extraviarse. A resposta é simple e sorprendente: ven o norte. Si, cos ollos. E tamén ven o sur. Esta capacidade dos animais migratorios ten cativado a imaxinación da xente, pero ata hai moi pouco tempo a explicación mantíñase elusiva e inaccesible. Hai anos que os científicos descubriron grupos de neuronas moi especiais nos lóbulos anteriores dalgúns animais migratorios. Estas neuronas son sensibles aos campos magnéticos, e están agrupadas nunha área chamada clúster N.

O máis interesante é que esta área está conectada ás neuronas que veñen dos ollos e diríxense á área visual do cerebro, polo que son capaces de producir sensacións que os animais perciben en forma de imaxes.

Nós temos células na retina (conos e bastóns) cargadas con pigmentos sensibles á luz que se excitan ao seren atinxidas por radiación electromagnética (luz visible) e transmiten esa excitación ao cerebro, onde se forma a imaxe visual. Estes animais teñen, ademais, criptocromos, que son unhas moléculas que se excitan cando son sometidas a variacións dos campos magnéticos e transmiten esa excitación ao cerebro onde se forma a correspondente imaxe visual.

Isto non é suficiente para viaxar con tanta precisión como viaxan. Sabemos que tamén empregan outros recursos. As aves máis novas seguen as que teñen experiencia e, ao cabo dos anos, memorizan as referencias xeográficas: ríos, montañas, mares, bosques e desertos.

Algúns animais mariños, como o tiburón balea, válese do seu extraordinario sentido do olfacto para complementar o seu sentido xeomagnético, atopar os lugares onde crían peixes e crustáceos e darse enchentes colosais coas larvas das súas infortunadas presas.

Cincuenta anos de estudos levaron á catalogación dunha ampla variedade de organismos capaces de percibir o campo magnético terrestre e empregar esta información para orientarse nos seus desprazamentos, como salmóns, tartarugas mariñas, limpafontes, abellas, e algunhas moscas. Porén, os animais mellor estudados son as aves migratorias, como o paporroibo, a papuxa e o anteollos australiano.

Que envexa! cando estás perdido, confuso, e non sabes por onde tirar, erguer a cabeza, mirar ao ceo, e exclamar: por aí! ese é o camiño!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>