Juliet, desnuda, de Nick Hornby

Juliet_desnudaCarlos Mosteiro. Nick Hornby é un escritor británico, non demasiado prolífico (ata onde eu sei escribiu sete novelas), e non moi coñecido por aquí a pesar de que toda a súa obra está traducida ao español por Anagrama. Anda polos cincuenta e tantos, foi neno de clase media alta londinense (ou sexa, ben). O seu pai era un home de negocios vido a máis, tan a máis que foi nomeado sir (Sir Derek Hornby), e a vida do pequeno Nick transcorreu plácida e feliz ata os once anos, cando o matrimonio Hornby se separou. A partir de aí os seus refuxios foron a literatura, a música e o fútbol, non necesariamente por esa orde; tanto é así que a súa primeira novela Fever pitch, 1992 (Ediciones B, 1996 e Anagrama, 2008) ten un claro ambiente futboleiro, e mesmo hoxe é coñecido, ademais de pola súa faceta literaria, por ser un dos seguidores máis célebres do Arsenal londinense.

            É ademais un guionista de éxito. Case todas as súas obras foron levadas ao cine. A min paréceme especialmente notable o guión de Alta fidelidade, protagonizada pr John Cusack. Por Unha educación, dirixida por Lone Scherfig en 2009, obtivo unha nominación ao Óscar ao mellor guión orixinal en 2010. Pero tamén escribiu a adaptación para Un niño grande  protagonizada con Hugh Grant… Ou sexa que o noso Nico dálle ben a todo.

            Eu cheguei a el a través de Julieta, desnuda (Anagrama, 2010). Pareceume unha novela interesantísima, escrita baixo o prisma estético do posmodernismo, pero contida e sen excesos (lonxe por exemplo das sobreactuacións do seu colega Michel Houellebecq, sen ir máis lonxe). Unha parella busca o rastro dun músico de rock que obtivo no pasado un éxito fulminante co seu primeiro e único disco (Juliet, desnuda, precisamente) e que de súpeto desapareceu da escena musical, e non só da musical. Atopan unha posible pista que os leva á cidade de Boston. nick-hornbyA procura e o camiño acaba significando unha reformulación da súa propia relación de parella que non é tan sólida como parecía. A novela propón a inanidade, a superficialidade da vida contemporánea, a través de seres que se moven non por conviccións profundas, senón por unha sorte de forzas gravitatorias das que non son nin sequera conscientes e que os empuxan a vivir segundo impulsos externos. Pero Hornby non é un escritor amargo. Apiádase dos seus personaxes. De súpeto un xiro, e o camiño encarréirase, se ben con esa pequena amargura de ter que desandar o traxecto. O exmúsico de rock aparece, o camiño pagou a pena.

            Recoméndovola. Ten forza. Ten graza. E ten optimismo. Daredes conta dela en dúas sentadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *