Her, de Spike Jonze

Her-716403893-largeJ. Carou. Cando o destino nos alcance, que non sexa por casualidade.  O último filme de Spike Jonze revela información relevante para cifrar ata que punto poden asfixiar as soidades futuras. Individuos aillados, incomunicados entre a multitude, en cosmópoles non moi afastadas arquitectonicamente das actuais New York, Shangai ou Yakarta.  Seres humanos complexos no seu desenvolvemento funcional en canto cidadáns-autómatas que soportan secretamente frustracións e devastadoras secuencialidades de fracasos emocionais. Nada novo, nada alleo á perda do paraíso terreal contemporáneo. Só imos uns instante por detrás da realidade que amosa Her. Humanos vulnerabeis, dinastas racionais, tecnócratas incapaces de valerse afectivamente. Quen non coñece alguén que diga terse namorado, ou case, por Internet?  Xente que contacta, que se coñece virtualmente, que ama virtualmente. Unha nova constación do erro no vaticinio ilustrado. Claro, din, eu coñecín a través da rede un home,  unha muller. Conxeniamos. Coñecín cen homes,  mil mulleres. Conxeniamos. A virtualidade amatoria da rede é infinda. Pola contra, a cordura paixonal dun ser humano nunha soa vida é fráxil e limitada. Estamos a nada de que algún amigo nos confese que cambiaría a súa muller por un sistema operativo informático con voz rota e a incorpórea (doe menos) multipromiscuidade da intranet. Estamos a nada de fuxir a calquera prezo da radical soidade que habita a condición humana. Internetización da privacidade.

her-joaquin-phoenix-14Da necesidade de recuperarmos o tempo e a memoria inventamos a estratexia de nos contar a alguén, a algún outro elixido para que nos ame. A partir dese momento, existimos. Theodore Towmbly habita a cidade de Los Ángeles nun futuro moi próximo. Perfectamente recoñecíbel. Escritor 612 de cartasescritasaman.com. Así se gana a súa rutineira vida. Discorre e dita a un ordenador epístolas persoais por encarga. O ordenador imprímeas con caracteres de aparencia manuscrita. Un ser sensíbel, profundo. Sistematización dixital. Contemporaneidade inmediata a este pesadelo de móbiles wasaps, ordenadores, redes sociais, tabletas, videoxogos, e-books… Anticipo de individuos virtuais. A tecnoloxía como forma de estar no mundo. Á espreita dunha hipermente artificial que nos programe a nós. O protagonista é un ser solitario.  Non supera a separación da súa muller. Camiña pola rúa e viaxa no metro rodeado doutros zombis que apenas se relacionan entre si. Privación de afectos, indixencia sentimental. Todos falan baixiño, dando ordes de voz aos seus procesadores informáticos, consultando novos e-mails: brindo, escoitando, desbotando. Theodore inicializa no seu apartamento un novo sistema operativo informático que se anuncia como unha entidade “intuitiva” con cada novo usuario. Personalización extrema do artificio. Unha intelixencia artificial que elixe chamarse Samantha para el. Desenvolvida ata o punto de ter sentimentos, ou canto menos de facer crer que así é. Tal cal a intelixencia humana. “Eses sentimentos son reais ou son programación?”,  pregúntalle Theodore.  Relación, amizade, dependencia, amor. Entelequias afíns a todo ser humano. A voz de Samantha roza a afonía, sensual, quebrada. O espectador coñece a súa auténtica posuidora. A escolla de Scarlett Johansson non é inocente. Obrigada a visión en v.o.

her-ukeÓscar ao mellor guión orixinal para o propio realizador. Fotografía que busca nos fondos de interior obxectos de cores cálidas e cores vivas.  A cidade, difusamente iluminada,  tal e como é que vai ser. O rostro de Joaquín Fénix sendo o mellor actor da súa xeración a centímetros do obxectivo da cámara. As súas camisas e chaquetas vermellas e laranxas a xogo con eses rechamantes puntos de focalización.  Her é unha historia de amor futuríbel. Concernismo fílmico.

Her.  2013. Estados Unidos.   Dirección: Spike Jonze.  Guión: spike Jonze.   Intérpretes: Joaquín Fénix, Scarlett Johansson, Amy Adams, Rooney Mara, Olivia Wilde.  Drama. Romance. Concernismo.  126 min.

Esta entrada foi publicada en Cine, J. Carou. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>