Torres, de Mónica Ayaso

Colaxe, técnica mixta sobre chapa mariña
Colaxe, técnica mixta sobre chapa mariña

Eme Cartea. Composición en tríptico (xunto con Fortaleza e Castelo) que podemos cualificar de surrealismo figurativo. Dúas «torres» diversas que emerxen en paralelo dunha construción compacta que parece flotar, maciza, sobre un escenario con fondo e fronte agrisados. Inmersos na multiplicidade plástica do posmodernismo, en Mónica Ayaso cúmprese o lema gothiano de que «a arte segue a ser arte», e lógrao empuñando as armas pictóricas do sempre anovado movemento surrealista para, a través da libre elección e manipulación de formas, materiais e estilos, favorecer un locus propio de invención e creación permanentes. Porque, como dixo Max Ernst, «o pintor que se atopa a si mesmo está perdido».

Unha pintura-colaxe feita de recortes de papel, logo pintados, que supuxo como un camiño de perfección, sufrimento, entusiasmo e azar que Mónica percorre con aleivosía mais sen premeditación e sen itinerario previo. Sente nas mans toda a resistencia angustiosa da obra, o complexo de virxindade ante a brancura do lenzo, o lento proceso da inventiva, a vertixe da composición en permanente metamorfose. Como un río de pianissimosremansos iniciais que fose mudando en clímax final oceánico.

Aquí non só se trata de pintura. Tamén de construción: iso que Charles Jencks chama adhocismo, método de deseño propio da crítica arquitectónica, para describir un proceso semellante ao da pintura: un todo formado por partes preexistentes que se van concordando e que adquiren novos usos e significados. Termo ad hoc que nos explica Torres, estruturada en módulos superpostos ou xustapostos que suxiren a configuración dun artefacto aleatorio, que nos somerxe na música fortuíta de John Cage.

Trama densa, textura musical polirrítmica e estratificada para unha composición onde todo encaixa harmonicamente como nunha peza sinfónica atonal que apelase ao noso sistema intelectual e nervioso.

Foto: Sabela Lens
Mónica Ayaso. Foto: Sabela Lens

Proceso de ordenamento estético desorganizado e desmitificación consciente da imaxe. A súa descontextualización dilúe os lindes do real e do representativo. A colaxe devén aquí lóxica desgonzada, ocultación e profusión, distorsión e asociación forzada. Unha técnica de selección e combinación sen planificación previa. Unha reinterpretación da realidade, autorreferencial, sen máis compromiso que o lirismo e a súa estética lúdica.

A artista sente en cada pincelada a tentación do imprevisto. En cada engadido un camiño de novas suxestións. A alquimia poderosa de formas e cores abrazadas que crean unha visión unitaria e apelan ao espectador que contempla, observa, interpreta, completa e goza.

Para Lautréamont sería «fermoso coma o encontro casual nunha mesa de disección dunha máquina de coser e un paraugas».

Construción fragmentaria que, fronte ao valor exhibitivo, mantén intacto e sen perda o seu valor cultural, ou «aura», en termos de Walter Benjamin.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *