Ao abeiro da Atalaia

Porto do Son, unha imaxe urbana marcada polo mar
Porto do Son, unha imaxe urbana marcada polo mar

Pedro García Vidal. O que Porto do Son foi no pasado configura a súa estrutura e fisionomía actual. Na imaxe ollamos unha representación sintética dunha historia de séculos que comeza no momento mesmo da instalación humana neste lugar. No emprazamento elixido -o linde máximo das augas calmas da ría- o mar asolágao todo. Non é un mar que se intúa, ou un mar ocasional que só apareza a cada pulo da marea como sucede na veciña vila de Noia, senón que, pola contra, é un mar que se respira, un mar salitroso e omnipresente. Un mar tamén ruidoso, que loita decotío contra o duro granito da Sagrada e por veces posuidor dunha desatada bravura destrutora. De aí que Porto do Son sexa unha vila ancorada ao pé dun outeiro, ao que se agarra coma un bote para poder sobrevivir. O enclave pesqueiro debe a súa existencia a esa Atalaia, ese saínte rochoso, prolongación do derrame montesío do Barbanza que é o monte Dordo cara ao mar da ría. Xunto coa Sagrada e O Caudillar, conforman un pétreo arco protector natural ante as temibles marusías invernais.

Bravos e teimudos poboadores decidiron establecer aquí un lugar de habitación que tivo sempre o mar da ría como fonte de recursos. Seguramente, ao igual que outros portos galegos, é herdeiro do que viñeran utilizando os habitantes do castro emprazado no alto da Atalaia antes e despois da dominación romana.

Aos pés do outeiro resgárdase a pequena cala ao abrigo da fereza do Atlántico. Dende o alto, os iniciais poboadores viron no diminuto entrante a posibilidade de facer porto. O pequeno areal, aínda que non era un lugar favorable para a construción das súas vivendas, si o era, porén, para que as súas embarcacións estivesen a resgardo. Pequenos alboios en madeira e palla gardaban os trebellos de pesca.

Parede con parede

O establecemento nun lugar tan batido nas invernías non podía facerse senón parede con parede, en edificios corridos que dan lugar a rúas paralelas que van do areal ao Campo da Atalaia e aquí ascenden ao amparo do outeiro cos tellados aparentando banzos dunha escada. Condicionadas pola natureza, cada rúa constitúe unha barreira contra os temporais marítimos do oeste, e a estrutura urbana é tan apertada que a «praza maior» móstrase diáfana no plano como un lugar de respiro.

A construción do Malecón e recheos posteriores, xunto co trazado dos novos peiraos, non fixeron desaparecer por completo a silueta primitiva de Porto do Son. O antigo areal que festonaba toda a ribeira, aparece agora en forma dunha coqueta praia urbana, e a figura da primitiva Comboa, antecedente do porto actual, debúxase aínda no interior dos novos peiraos. Salgadeiras, almacéns cataláns, secadoiros de redes e de peixe (tendedeiros), ou estaleiros son ecos que resoan pola fachada marítima, recordando unha florecente industria relacionada coa pesca que deu pulo á vila.

Igualmente, o renovado casarío mantén aínda, con algunha rechamante excepción, unha proporción racional, permitíndolle á icónica imaxe da capela da Atalaia seguir sendo o fito referencial da vila, recordo da súa salvadora presenza para as embarcacións no seu retorno a porto, ou cando a mesta néboa borraba a súa orientadora silueta no horizonte e o pobo subía a tocar as campás para guiar co seu son os mariñeiros cara ao porto salvador.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *