Unha humilde novela: Ferruxe

aurelio-ribalta-2Román Arén. Somos tan pretendidamente “cosmopolitas” que esquecemos de onde vimos. Xa non queremos ser de orixe campesiña e somos tan “universais” en literatura que esquecemos a nosa humilde liñaxe narrativa. A narrativa galega ten pouca tradición contemporánea (ou xa non tan pouca? 150 anos), polo demais coma outras literaturas europeas: Cataluña, Noruega, Provenza…, porque pasou o que pasou e porque “no principio foi a poesía”, o xénero canónico por excelencia ata o século XX. Aurelio Ribalta Copete (1864-1940) foi mediano poeta descritivo, fundador dunha importante revista, <Estudios Gallegos>, e un dos pais da narrativa galega contemporánea con Valladares, Pérez Placer e López Ferreiro. En 1894 publicou Ferruxe, reeditada por Cerne (Couceiro) en 2011 en facsímile, con portada de Urbano González Varela (1868-1906), tamén poeta e dramaturgo, e rexionalista como Ribalta. Narración que Carballo Calero clasifica como de “costumes artesás” e un “estudo de carácter” dunha muller, de bo estilo e boa lingua. Quizais o máis interesante sexa o prólogo onde nos di o autor: “Quérovos falar, na lingua da terra, de cousas da Terra”. Pretende afastarse dos que gaban todo o que se escribe en galego, mais tamén dos que todo o galego os anoxaba. Pero agora o que xa ninguén nega a poesía galega en 1894, cando o Rexurdimento é “cousa certa e firme” (“A poesía gallega ven erguelo nome de Galicia, que xa é respetado por todos…”), agora que xa non é necesario o castelán para facer poesía galega (“Cada idioma é para o que o ten de propio”), é o momento da prosa: “A prosa é tan linguaxe coma o verso” e “si un idioma sirve pra as altitudes ou para as delicadezas da poesía, moito máis servirá pra as menos asovallantes necesidá e precisiós da prosa. –Que o idioma non está inda traballado e afeito? Pois traballalo. Non vos hai máis”. E como o movemento se amosa andando, á prosa se dedicou Ribalta. O tempo deulle a razón. De aquí vimos, sen o labor dos pioneiros non hai territorio conquistado, por moi humildes que eles sexan. aurelio_ribaltaXa nos deran por mortos, di Ribalta “Cando nos relós da Historia retumbou atroadora e brilante a meiga badalada que sinalou a nosa verdadeira resurrección moral”. Engade así que “eu ben sei que non tardará moito sin que teñamos prosa, como agora temos poesía, e penso que é cousa boa procuralo. Eu teño fe en que ansi seia. Si tal non fora, probes de nos”. Remata o prólogo desexándolle á prosa galega “o idioma rico, polido, maxestoso e ben soante, en que o futuro Cantú esquirba a hestoria da patria gallega, groriosa e libre ¡Anque eu non o vexa!”.

O Cesare Cantú, escritor e historiador liberal e católico italiano, foi lectura moi común a Murguía, Ribalta, Vaamonde e Lugrís Freire. En moitas casas galegas do XIX (moitas? bastantes) estaba a “Historia Universal” de Cantú. Eu consérvoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *