Carta sonora para un amigo

Leonard-Cohen-Old-IdeasGonzalo Trasbach. Querido X.: Cada vez que nos atopamos para comer cos amigos, dun xeito ou doutro, sempre saen á luz os nosos desacordos sobre a música. Na última xuntanza en Cea (Bueu), naquela fermosa taberna colgada na ladeira do monte fronte a un mar que se perde no horizonte, o debate xirou sobre Leonard Cohen. Dándolle voltas ao asunto pensei que talvez non fora moi xusto nin contigo nin co cantante de Montreal. Cheguei a esta conclusión mentres escoitaba as delicadas e sentidas notas de Suzanne, a canción que abría e abre o álbum de debut do inesquecíbel cantautor canadense. Paralelamente tamén lembrei un dos motivos polos que nos fixéramos amigos cando aínda eramos estudantes: non nos coñeceramos naquel intre porque todos eramos amantes da beleza, pero non só da antiga, senón e sobre todo da que aínda estaba (por)vir ao mundo? Decidín entón escoitar outra vez o último traballo do creador de Songs of Love and Hate (1970) para reparar o meu erro naquel xantar e ao mesmo tempo renderlle un pequeno tributo ao vello bate: Old Ideas  (Columbia-Sony). De aí naceu a idea de enviarche esta carta.

leonard cantandoFoi aló polo 2004, como ben sabes, cando Cohen publicou Dear Heather: un disco bastante aceptable, cun ton lixeiramente deprimente e que, entre liñas, anunciaba unha retirada. Semellaba a última partida de quen xa tiña amosado todos os trucos posibles da arte de combinar poesía e música. Pero, como é coñecido, da noite para a mañá encontrouse na ruína e tivo que retornar aos escenarios. A súa volta lembrounos que tiña sido un dos máis grandes do século pasado e que conservaba intacta a súa relación coa senda da excelencia musical. Este Old Ideas, duodécimo álbum de estudio da súa longa traxectoria, que comezou con Songs of Leonard Cohen (1967), labrouse durante as actuacións que realizou dende o 2008 ata o 2011.

leonard sonsNon enganan as 10 cancións deste traballo e podía demorarme sobre cada un dos mundos sónicos sobre os que se levantan. Non parece o máis oportuno. Pero cóntoche: á súa venerable idade, Cohen segue percorrendo os vellos e revirados camiños polos que sempre transitou: amor, sexo, expiación, nostalxia, ironía, tenrura, biografía, mitoloxía… Son estas as cuestións que habitan o repertorio dun Lenny que vai soltando imaxes poéticas con voz grave, fonda, bisbada, como se fosen confesións que un amigo deixa caer nos oídos do oínte. É unha das grandezas do compositor de Songs From A Room (1969): como poucos, ten esa capacidade para facer que os mínimos detalles persoais multipliquen o seu eco e se troquen en metáforas de alcance universal que se filtran na vida dos demais.

Fronte a discos anteriores, Old Ideas ofrece algúns aspectos novidosos, pese a que escolleu unha instrumentación tan espartana coma case sempre. Aquí, as guitarras, violíns, órgano, piano, batería e ventos acantoan os sintetizadores, dominantes desde I’m Your Man (1998). E non faltan, of course, as voces femininas: Sharon Robinson, Jennifer Warnes, Dona Glover… escoltan con delicadeza a voz mineral do admirado mestre. Este, en definitiva, querido amigo, moldeou un traballo no que reivindica a beleza e a dignidade da derrota, de todas as derrotas. Sen rendición ata o final. Apertas. Sempre teu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *