Test Gaziel

gaziel 2X. Ricardo Losada. O luns 10 de agosto de 1914, dez días despois de que Alemaña e Francia declarasen a guerra, o periodista Gaziel coñeceu en París a unha moza toledana que estaba moi preocupada. Acababan de deter a un compañeiro de traballo por espía e tiña medo, aínda que non fixera nada malo, que tamén a detivesen a ela: quería volver a España canto antes. Gaziel deulle unha carta de recomendación para conseguir billete nun tren que saía ás tres desa mesma noite, axudoulle a facer as maletas e acompañouna á estación, onde tiveron que facer unha penosa e angustiosa cola de catro horas. Conto esa anécdota porque nas últimas eleccións a directora do meu instituto utiliceina como criterio para decidir a quen votar. Pasei dos proxectos de centro e votei polo candidato que me deu a impresión que faría o mesmo que Gaziel. Xusto o contrario do que sempre imaxinei que faría o filósofo J.P. Sartre en circunstancias similares. Dicirlle á moza que a súa preocupación era a Humanidade con maiúsculas e non podía perder o tempo con casos persoais.

sartreQuedei tan satisfeito, que penso usar o test Gaziel en todo tipo de procesos electorais, comezando polas vindeiras eleccións europeas. Que faría Cañete no caso de Gaziel? E Valenciano? E Miranda? E Senra? Dos políticos (cando menos dos números un) non deberiamos saber o currículo académico ou profesional, nin todas as fazañas que fixeron diante dos focos mediáticos, senón como eran nas distancias curtas do seu entorno veciñal e profesional, antes de que se lles pasase pola cabeza ser políticos. Imaxinemos, por exemplo, que un candidato é profesor. Para ir de número un tería que aprobar un referendo no que se contestase a pregunta “Está capacitado para buscar o ben común?” e no que o censo estivese composto por alumnos, compañeiros de traballo, veciños de toda a vida… obrigados a ter en conta se preparaba as clases, se era puntual, se se preocupaba por motivar os alumnos, se valoraba máis o interese público que a liberdade de cátedra, se coñecía o nome e inquietudes dos veciños…

camusAlbert Camus, inimigo intelectual de Sartre, dixo algo que describe moi ben a acción de Gaziel: “Eu non sei o que é a honestidade en xeral, pero no meu caso sei que consiste en facer ben o meu traballo”.  Por iso, eu preferiría como director do meu instituto a Camus que a Sartre. Camus aprendera Ética xogando ao fútbol nun barrio pobre de Alxeria; Sartre, nun dos liceos máis elitistas de Francia. A Camus, se lle falabas da nai, recordaba como o abrazaba cando chegaba de traballar de limpadora; para Sartre, a nai era unha Existencia sen Esencia que levaba unha vida inauténtica, é dicir, distinta da que el pensaba que había que levar.

Un comentario en “Test Gaziel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *