Román Arén. Son moitas as eivas que ten a cultura galega no labor de “anosar” a literatura universal, no eido das traducións. Penso sinceramente que a A. C. Barbantia cumpre un deber abrindo o seu armario, de índole comarcal, á literatura universal. Xa Torga e Rivas escribiron que o universal é o local sen paredes. E así no número 9 do Anuario de Estudos do Barbanza aparece traducido ao galego, magnificamente, da man de Eme Cartea, un autor francés do século XIX, Aloysius Bertrand, que, como é ben sabido, foi un elo imprescindible na modernidade, o verdadeiro creador do poema en prosa que lle abrirá os ollos a Baudelaire, e así o recoñecía o autor do Spleen de París, para crear unha nova fórmula que sacase o corsé á poesía francesa e universal, que tanto aproveitará en Europa e en América, de Rimbaud a Leautremont, de Darío a Juan Ramón Jiménez, de Max Jacob a Michaux. É certo que houbo outros autores con Bertrand, que comparten os intentos de creación dese novo xénero, fundamentalmente Maurice Guérin e A. Rabbe, pero só Bertrand logrou unha obra xa clásica: Gaspard de la Nuit (1842). Circulaban varias traducións en castelán, pero en galego só tiñamos os pequenos fragmentos que Cunqueiro traducira xa en <La Noche> en 1949, no número oito do “Suplemento del Sábado” (“Harlem” e “O estudante de Leyden”) e de novo en 1971, 1972 e 1978 no <Faro de Vigo> co pseudónimo Manuel María Seoane. Agora Cartea traduce o “Préface” do francés, a dedicatoria a Victor Hugo e os once textos do libro terceiro. Dous deses textos foron musicados por Maurice Ravel. E non é Bertrand un autor calquera para a literatura galega, non. Foi un dos autores máis amados e citados por Cunqueiro e foi Gaspar da Noite a orixe d’As crónicas do sochantre. Non o digo eu, dío o mesmo Cunqueiro nunha carta a Fernández del Riego. “Estou a escribir en galego, e nunha prosa diferente da de Merlín –vista dende outra sintaxis, máis severa de vocabulario- algo semellante ao Gaspar de la Nuit, de Aloysius Bertrans. O tídoo –provisional- é As crónicas do sochantre” (<Grial> 72, 1981, p. 261).
Bertrand estivo sempre presente na escrita de Cunqueiro e na orixe dalgúns poemas en prosa, que tamén conservan aínda a “narratividade” suficiente para poder considerarse “microrrelatos”. Xa en “O mundo i-outras vísperas”, en 1934 (<Nós> nº 121) escribe Cunqueiro: “Versos franceses, versos raros, finos, fantasías ao xeito de Rembrandt e de Callot. Trátase de Gaspard de la Nuit de Aloysius Bertrand”. En 1952, no artigo “Puentedeume (I)”, aparecido o 21 de marzo no <Faro de Vigo>, volve sobre o autor: “…no puedo sino imaginarle a la villa una de esas fantasías de centinelas de pesada alabarda, santo a la jineta y la seña de dulce dama, que para Dijon y el Louvre inventó Alysius Bertrand”. O 11 de maio do mesmo ano e no mesmo xornal, publica “Gallegos a la jineta” e escribe: “Íbamos a ver los gallegos a la jineta, las Doce Tribus de nuestro nobiliario. Me gustaría ponerlos en estampas, a la manera de Louis Bertrand…” Pero o 17 de decembro de 1950 outro artigo, “Orense”, insistirá xa no autor: “Hablábamos bajo una luna redonda y fría, y la catedral, recortándose contra el cielo y el lunar, recordaba alguna de las descripciones de Harlem o de Leyden que, a la manera de Callot, vienen en Gaspard de la Nuit, de Aloysius Bertrand”. Como se ve, lembra os textos do francés que el mesmo traducira en 1949.
En 1960, xa en <La Noche> aparece o 17 de maio o artigo “El tulipán de Iksir”: “Aunque no puedo evitar, cuando veo tulipanes en un jardín, el recordar aquel poema de Aloysius Bertrand en su “Gaspard de la Nuit”, cuando Mese Huylten, que está leyendo en su Biblita, muestra al vendedor de tulipanes las florecillas de la pasión, en un tiesto, en la pequeña ventana, y rechaza el tulipán, ese símbolo del orgullo y de la injuria que han engendrado en la desgraciada ciudad de Witemberga, la detestable herejía de Lutero y de Melanchton”. Non esgotan estas citas a lembranza que o mindoniense fai de Bertrand: “Los de los documentos darían para que un escritor escribiese unas estampas a la manera de Aloysius Bertrand en su Gaspard de la Nuit, libro que siempre tanto me tentó imitar…” (“Papeles que fueron vidas”, <El Noticiero Universal>, 16-7-1874). De novo Bertrand aparece en 1975 a carón de Castelao: “Son relatos mínimos (Cousas), originales, de una absoluta perfección formal, estampas bien más humanas que aquellas que Aloysius Bertrand escribiera para su Gaspard de la Nuit, a la manera de Rembrand y de Callot” (“Castelao en la memoria gallega”, <El Noticiero Universal>, 4-2-1975). Non é pequena gabanza ao autor de Cousas por parte de Cunqueiro. Outro texto fala da “paciente curiosidade que un escritor como Aloysius Bertrand, no seu Gaspard de la Nuit, aprendeu, como el mesmo confesa, de Rembrandt e de Callot. É dicir, coa maior liberdade no tratamento do tema, que é o triunfo do artista sobre o oficio, e coa meirande calidade, que é, en último termo, a perfección formal que só concede o gran oficio”. O texto é de 1977, máis de coranta anos de admiración polo francés. Aparece Bertrand noutros artigos como “Los monederos falsos” (1955), “El holandés errante”, “A Santiago vén El Rei” (1977, <Grial> 57): “Máis dunha vez apeteceume facer pequenas glosas a algunhas das cantigas dos nosos trobeiros do tempo pasado; unhas estampas, para tomar un modelo para min mui saboroso, ao xeito das que… fixo no seu Gaspard de la Nuit o poeta Aloysius Bertrand”). Do poeta francés escribirá que “fixo posible o francés en que iban a escribir un Baudelaire e mais un Rimbaud, e os poetas que seguiron, dende Verlaine a Éluard”. De aquí a importancia que ten a tradución ao galego que Cartea fai de Bertrand, unha das chaves para comprender as lecturas e influxos de Cunqueiro. O autor de Gaspard de la Nuit ocupa un lugar sobranceiro nas lecturas do mindoniense, a carón de Charles Péguy (que traduciu), Ernest Hello (a quen consideraba un gran autor sobre o que caera o “escuro licor do olvido”), Chateaubriend (que comparte con Otero), Léon Bloy, Léo Dierx, Paul Éluard (tamén traducido polo mindoniense), Léon-Paul Fargue, Rimbaud, Mallarmé…, por citar só franceses.