Antón Riveiro Coello. Donna Tartt, autora esquiva, reticente coas entrevistas e as fotos, comezou a súa carreira no ano 1992 con El secreto, unha novela exitosa (25 idiomas e 5 millóns de exemplares), que se podería encadrar dentro do betseller de calidade. Mais esa saída fulgurante non lle tirou a perspectiva e recluíuse un tempo (once anos) para escribir a man a súa seguinte novela, que publicaría no ano 2003, Un juego de niños, coa que volvería xuntar as opinións favorables de crítica e público. E, de novo, outra reclusión voluntaria de once anos, para nos entregar agora a novela da que vou falar aquí, El jilguero, un texto longo que publica Lumen e que está a ter unha acollida sen precedentes nos Estados Unidos e mais en Europa, malia as súas máis de mil páxinas. Xa leva varias edicións no noso país e non me cabe a menor dúbida de que será un dos grandes éxitos do ano.
O xurado do Pulitzer premiou El jilguero “pola madurez dunha novela marabillosamente escrita, cuns personaxes exquisitamente perfilados que narra a dolorosa implicación dun rapaz cun famoso cadro que se librou da destrución. Un libro que estimula a mente e toca o corazón”.
Concordo coas palabras do xurado e non podo dicir moito máis. Confesar que me acheguei ao libro con certas prevencións, xa que lles poño reparo a estes éxitos tan masivos porque penso nas trampas e na enxurrada mediática de tan difícil control para o público lector. Pero teño que recoñecer que xa nas primeiras páxinas atopei a Dickens detrás desta voz poderosa e, tal como xa alguén ten advertido, percibín unha sutil conexión con series tan marabillosas como Breaking Bad.
E si, talvez sexa un betseller, pero desta volta trátase dun betseller de alta calidade no que a descrición dos personaxes é tan fascinante como a ambientación e a intelixencia dos diálogos. As imaxes posteriores ao atentado no que Theo perde a súa nai no Museo Metropolitano de Nova York son memorables e están ateigadas de alta literatura. Por riba, o ritmo constante, de thriller, non deixa respiro e fai que tome conta de ti un desexo compulsivo por seguir avanzando nesta historia longa e apaixonante que nos leva por Las Vegas, Ámsterdam ou a pequena tenda dun anticuario de Manhattan.
Novela de iniciación na que hai suspense, intriga, amor pola arte e, sobre todo, boa literatura ao alcance de millóns de lectores. Paga a pena.