A miña planta de laranxa lima, de José Mauro de Vasconcelos

planta 1Carlos Mosteiro. Hai libros que te prenden dende o principio, dende o minuto un. Les unha páxina e xa sabes que o libro e ti ides conectar. Sentín moitas veces ese amor a primeira vista. Pero con A miña planta de laranxa lima foi diferente . A química xurdiu mesmo antes da primeira liña. A fascinación empezou xa nos paratextos: “Unha lembranza chea de saudade para meu irmán Luis, O rei Luis, e para Gloria, a miña irmá; Luis desistiu de vivir aos vinte anos e Gloria, aos vinte e catro, chegou á conclusión de que a vida tampouco merecía tanto a pena”. Así, con esa potencia, de Vasconcelos amarra o lector xa antes do comezo. Claro que o entrante carecería de valor enerxético se o que viñera despois non fose unha extraordinaria historia sobre o descubrimento do mundo, a amizade e a dor de medrar; e se non fora unha crónica da pobreza extrema, íntima pero ao mesmo tempo contida, e un canto ao duro camiño do crecemento interior. E todo expresado dende a franqueza –ou dende a crueza– sen ningunha concesión ao boísmo, sen protectores que fagan a dixestión máis levadeira a un lectorado infanto-xuvenil demasiado abrigado contra a realidade e coa pel demasiado fina.

planta 2É unha historia con elementos autobiográficos evidentes. José Mauro de Vasconcelos naceu en Bangú, Río de Xaneiro, en 1920. Durante a súa infancia pasou grandes penurias económicas que deixou reflectidas neste e noutros libros. O primeiro éxito de crítica e público chegoulle con Rosinha miña canoa en 1962. Mais coa publicación de Meu pé de laranja lima en 1968 convértese nun dos grandes escritores da literatura brasileira. En 2010 cumpriu a centésima edición con máis de 3.200.000 exemplares vendidos só no Brasil e manténdose na lista de best-seller despois de corenta e cinco anos transcorridos dende a súa publicación.

Non dubidedes en fincarlle o dente a este libro. Vaivos deixar esa presión na gorxa que precede ao agromar dunha bágoa e ao mesmo tempo a sensación gratificante no espírito que produce a boa literatura. Un deses clásicos infantís que permiten tamén unha lectura adulta.

A MIÑA PLANTA DE LARANXA LIMA

José Mauro de Vasconcelos

Primerapersona, Viveiro, 2011

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *