Agustín Agra. Acaso fun irlandés nunha outra vida. Malia non crer na transmigración das almas, faime desconfiar desa posibilidade a querenza por un pobo que empoleira no máis alto aos seus músicos e escritores. Nin militares nin monarcas; literatura e música, eis o seu orgullo! Compartimos asemade a idolatría por aqueles que defenderon ideais de igualdade e liberdade; eles cantan os mártires pola liberación do dominio inglés, eu os loitadores antifascistas, as vítimas de Franco e os seus acólitos -aínda vivos, ratas asexantes acochadas entre nós-.
Acaso por iso, aínda que os meus apelidos non confirmen a sospeita dun antepasado irlandés fuxido dunha das carnizarías perpetradas polos moitos Walter Raleigh e Oliver Cromwell da súa historia, cando me atopo con Sabela a Católica -paradigma de xenofobia e intolerancia relixiosa, artífice da castración e doma do reino, iniciadora do xenocidio americano- homenaxeada xunto a outros presuntos «persoeiros do meu país» nun centro de ensino público, agroman en min o noxo e a xenreira.
Descreo dos cantos de sereas étnicos. Nada teño en contra doutras culturas, mais tampouco me dá o corpo permanecer en silencio. Teño cultura propia; nin mellor nin peor ca a dos demais, sinxelamente propia. Síntome orgulloso dela e non aturo co intento de facer pasar como propio o alleo. Eis a palabra: alleo.
Necesítase recorrer a persoeiros de fóra -algún de nimia relevancia- por non atopar aquí unha alternativa que ofrecer? Cales son os nosos referentes morais? Que modelos poñemos ante os nosos alumnos? -pregúntome ao observar os escollidos-. Acaso defraudadores de impostos, artistas máis pendentes do márketing e da conta corrente que da súa obra? Era preciso exhibir o símbolo dunha empresa significada pola explotación infantil e a man de obra barata? Non había para escoller máis artistas -culturalmente alleos, xa o dixen- que arrimados á ditadura franquista?
Seica o exercicio democrático da liberdade de expresión dos autores consiste en expoñer -en lugar público e sen consenso- o que lles peta. A miña en escribir con liberdade o que penso.