Inés Otero. O maior Pettigrew está preto dos oitenta anos, e a señora Alí, aparenta uns dez menos. Os dous estiveron casados e enviuvaron hai tempo. Viven na mesma vila –Edgecombe St. Mary– pero a súa relación é puramente cordial: el limítase a comprar na tenda dela. Todo cambia cando o maior recibe a chamada da súa cuñada informándolle da morte do seu irmán. A señora Alí, que nese instante estaba a reclamarlle o pago dun xornal, é quen lle presta os primeiros consolos. Entón agroma unha relación sentimental entre dous seres normais –aman a vida solitaria, as cuncas de té quente e os poemas de Kipling– que se enfrontará con moitas presións.
Así transcorre esta historia centrada nunha vila da costa inglesa onde conviven –coma afastados por un rexo valado– os cidadáns da alta burguesía e os membros dunha comunidade de orixe paquistaní. A partir da tímida relación amorosa que xorde entre o maior Pettigrew e a señora Alí, o lector coñecerá os obstáculos que atopa esta parella polos prexuízos e o racismo: un andazo que se espalla entre o mosaico humano –amigos, familiares e veciños– que integra o sector máis reaccionario da comunidade onde residen.
Malia estar ateigada de estereotipos –típico pobo inglés e personaxes maniqueos– a obra lese con interese: a trama é sinxela, os diálogos vencen ás descricións, a estrutura cronolóxica é lineal e os acontecementos que alteran a vida social da rutineira de Edgecombe son verosímiles. A novela é a ópera prima de Helen Simonson, unha escritora de Sussex que tivo con esta historia unha excelente acollida no mundo literario anglosaxón.