X. Ricardo Losada. Unha pregunta que a moitos vos parecerá absurda: se a xente do común non pode chamarlle feísmo á pintura cubista, ¿por que os expertos urbanistas poden chamarlle feísmo á zona nova de Santiago? Acepto que lle chamen incívica, enferma, mesmo almacén de humanos. Pero non fea. Vivín sete anos nela e fun feliz. Aínda hoxe, trinta anos despois, sinto certo deleite cada vez que paso diante dos pisos nos que vivín. Non sinto o mesmo na zona vella de Santiago, onde non podo evitar asociala con Xerardo Estevez e os libros de historia da arte. Sempre me pareceron máis fermosas as tabernas con caixas de cervexa á vista, e partidas de cartas a berros, que esas cafeterías de deseño (irlandés, zen, art decó) nas que os clientes pagan máis caras as consumicións polo pracer de sentir que non teñen un gusto vulgar. Estou a favor de que a xente viva en mellores condicións (hixiénicas, sociais, de servizos públicos) que as que hai nas favelas, pero paréceme unha falta de respecto dicir que son feas. A min, de feito, parécenme máis fermosas que o pazo de Versalles. Enténdaseme ben. Prefiro ter a mesa da cociña limpa pero paréceme máis fermosa co mantel sucio e a vaixela desordenada nunha tertulia de sobremesa.
Non me parece mal que os urbanistas intenten ordenar a cidade (esa música petrificada, que dicía Goethe), pero non deberían declarar feas casas e barrios nos que viven persoas, sen saber como viven. Nun ensaio marabilloso, Natalia Ginzburg conta as diferenzas que tivo co marido para comprar casa. Ela quería unha casa rural de planta baixa rodeada de verde. El, un piso urbano desde o que puidese ver chemineas, tellados cubertos de musgo, caneiros ferruxentos e roupa remendada tendida. Despois de moito buscar, escolleron unha casa chea de defectos construtivos e estéticos. A el gustoulle porque estaba nun último piso e víanse os tellados. A ela, porque estaba moi cerca dun despacho que lle servira de guarida nunha época difícil da súa vida. Como dixo Lao Tse: “Arquitectura non son catro paredes e un teito, é o ordenamento dos espazos e o espírito que se xera dentro”. O mesmo que dixo Natalia Ginzburg anos despois de comprar aquela casa: “Agora vivimos na casa xa sen saber se é bonita ou fea. Vivimos como nunha guarida. Vivimos como se levásemos posta unha chaqueta vella”.
Gústanme as casas rehabilitadas de tipoloxía popular galega e as casas de deseño modernista, sempre que perciba nelas o espírito dos que viven dentro, e non a mente dun proxectista preocupado polas revistas de arquitectura, ou dun propietario, moitas veces amigo, empeñado en converter a súa casa nun museo e a min nun turista.