Gonzalo Trasbach. Confeso que entrei no cine coa mosca trala orella. Pero tamén saín bastante contento. Non vira unha xoia cinematográfica. Pero si unha cinta moi entretida. Así me resultou Ao fío do mañá, un filme cuxa trama me lembrou a Código fonte (2011), o traballo no que Duncan Jones usaba con gran pericia a peripecia dun heroe atónito enfrontado á necesidade de morrer unha e outra vez para abortar un atentado nun tren.
O filme do que falamos arestora xoga cunha tese semellante. O noso (anti)heroe esperta a véspera do día D nun campamento militar. Pasa a noite en capela antes da batalla, á que é botado literalmente, e que os aliados perden. A protagonista morre aos 30 segundos de entrar en acción e el mesmo non dura nin cinco minutos… Un final entre tráxico e previsíbel. Rebobinamos e volvemos empezar de novo e así sucesivamente ata o remate da cinta. Esta idea de rebobinar (acelerar e borrar a nosa propia vida) ou dunha fonda sensación de Dejà vu é o eixo central de Ao fío do mañá, un guión que Liman obtivo de All You Need Is Kill, a novela gráfica que editou en 2004 Hiroshi Sakuraza, para pór ao servizo de Tom Cruise neste estimulante exercicio de ciencia ficción, onde o director manexa con destreza a gramática e o ritmo do videoxogo.
O protagonista argalla o seu reto do mesmo xeito no que un xogador, tras morrer, aproveita o aprendido para afrontar as novas vidas. É dicir: un noso heroe recorre afanosamente cada un dos mundos nos que se ramifica o bucle tempo-onda corpuscular (un termo físico que subxace como fío de fondo). A cada paso sofre e morre. Pero na seguinte vez chega un pouco máis lonxe. Sofre máis e morre de novo… Pero ao final do camiño é máis valente, máis sabio, máis humano… En realidade é unha especie de versión contemporánea do mito de Sísifo. Este era un heroe clásico e os gregos vivían atados ao destino. Cruise, en cambio, é un heroe moderno. Non se limita a suar e sufrir. Intenta cambiar as cousas, unha e outra vez…
Máis alá dos posíbeis buratos da argumentación ou da máis que improbable lóxica da historia narrada, Ao fío da mañá revélase como un xogo malabarista e trepidante no que só nos falta o mando da PlayStation para axudar ao noso amigo Cruise a rebentar extraterrestres.
Ao fío do mañá. Ciencia ficción. Director: Doug Liman. Intérpretes: Tom Cruise, Emily Blunt y Bill Paxton.