“Doppelgänger”, teatro e libro

DoppelgangercapaPilar Sampedro. Unha obra de teatro escrita por Paula Carballeira e publicada por Edicións Positivas, na colección DiTeatro. Un espectáculo internacional creado pola compañía galega Berrobambán xunto á compañía colombiana El arca de N.O.E. e coproducido polo Centro Dramático Galego. A obra toma o seu título do alemán doppelgänger, un termo que foi acuñado polo novelista Jean Paul en 1796, e que significa “o dobre que camiña ao lado”.

Dirixe Chiqui Pereira e actúan Paula Carballeira no papel de dramaturga e os xemelgos procedentes de Medellín (Colombia) Juan Diego e José Ricardo Alzate que representan dous irmáns loitando en bandos contrarios, detrás dos personaxes: Un e Outro.

Asistimos ao tratamento do “outro”, a sombra que ten moito de min pero está fóra, o perigo e o misterio da imaxe no espello. Dous, en barricadas distintas, nun lado e outro da Guerra Civil, coa mesma orixe e distinto destino… así o conta a compañía: “Ao meu carón sinto a alguén que non son eu, pero que se me parece como unha sombra ou un reflexo. Mírame, xúlgame, quéreme, ódiame. Vivimos no mesmo país, pero temos ideas opostas. É o meu rival, o meu inimigo. Eu son o seu rival, o seu inimigo. Está no outro bando. Estou no outro bando. Quero destruílo e ao mesmo tempo necesítoo. É el ou eu. Ambos ou ningún. É a guerra. A Guerra Civil. É a miña conciencia. É a miña memoria. É o meu esquecemento. É a posibilidade ou non de vivir en paz comigo mesmo.” 

Un tema máis que interesante, para levar á escena por medio de dous actores que son idénticos e veñen dun país en constante violencia, declarada como guerra ou non, onde os irmáns realmente poden ser inimigos.

Un asunto para debullar en Galicia onde aínda podemos rabuñar na memoria para que nos falen deses aparecidos que se vían en dous lugares diferentes, o que era unha proba da súa próxima morte.

O libro recolle a transcrición da obra e engade un epílogo: “As historias da historia. Nomes propios (por orde de aparición)”. Ademais do autor Jean Paul, de Julie Wilhemina Von Güldenstubre que parece ser testemuña do desdobramento da súa profesora Emilie Sagée, da cantante de swing Rina Celi, de Monsieur Hardy, de Juan Roa Sierra (asasino de Gaitán), aparecen as mulleres da revolta do pan ou das pedradas (Josefa Noval e Rosa Tenreiro) e Carmen Pesqueira “A Capirota” do Morrazo asasinada no Golpe de Estado do 36 por “unha ferida no corazón”, como aparece no certificado de defunción, non se pode escribir con máis falacia!

Quero destacar, ademais da publicación da obra e da posta en escena da mesma en coprodución e correalización, xuntando vontades e países, empresas e institucións, o feito de que poidas adquirir o libro cando vas ao teatro. Seméllame unha das iniciativas poderosas de Paco Macías (director de Positivas) que tanto aparece coa súa mochila de libros de poesía nos recitais coma cos de teatro nas representacións. É a mostra da cativeza da industria cultural do país, pero tamén da posta en valor da imaxinación e da humildade. Ás veces, non somos conscientes, da creatividade e bo facer dos nosos axentes culturais, da riqueza que cargan nas súas costas e nese empeño de manter o tecido cultural contra toda ameaza, un exercicio de resistencia a fin de nos merecer. Por iso, acompañemos o visionado público coa lectura persoal, o recitado en voz alta coa lectura silenciosa… e deámoslle un apoio á nosa cultura.

2 comentarios en ““Doppelgänger”, teatro e libro

  1. Buenos días, Pilar:
    Quién pudiera gozar de más tiempo libre para leerlo todo. Dispongo cada día de dos horas y media para hacerlo. Apago la televisión después del Telediario y hasta las doce y media me sumerjo en el fondo de cada guion para vivir en otra ciudad, en otro continente y en otra vida diferente. Estos días estoy metida en el personaje de Rob J. El protagonista de la novela de Noah Gordon “El médico”, y para disipar la tristeza que muchos capítulos me ocasiona, me colmo de placer con un par de capítulos de una de las obras fundamentales de Jardiel Poncela, “Pero… ¿ hubo alguna vez once mil vírgenes ?.
    No cabe duda de que “Doppelgänger”, si tú la recomiendas debe de ser muy buena. Me fio de la gente que escribe como tú lo haces. A ver si puedo conseguirla.
    Gracias, Pilar, es un orgullo leerte.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>