Do propio e do alleo

BF16C7F1_1Francisco Ant. Vidal Blanco. Somos bos artesáns pero malos feirantes. Está moi ben iso do amor ó propio e de loar o noso por encima do resto. Pero non todo é tan bo nin todo o bo se promociona o suficiente, unhas veces por desleixo e outras porque nos dá vergoña presumir daquilo que consideramos demasiado común ou popular como para ser valorado. Así, por exemplo, ambos casos se resumen nas conserveiras que enlatan uns mexillóns de medio centímetro, ós que non se lle pode nin sacar o pelo de pequenos que son, mentres que en calquera peixería, sen envoltorio multicolor nin cousa polo estilo, ningún baixa da polgada de largo e son moito máis baratos. Por iso o amigo Xulio pide que cando o envase pon «mexillón galego», se coide un pouco máis a presenza e non sexa esa minchiña sen afeitar que cabe no oco dun dente cariado. Tal vez, o noso defecto é que temos o produto pero non o sabemos vender.

O chauvinismo ten ese algo de cegueira que nos fai amosar certa hostilidade co máis popular para enxalzar as cousas máis inverosímiles ata o límite de competir teimudamente por comparación, o cal, moitas veces, nos fai quedar a medio camiño, esquecéndonos do verdadeiramente bo e insubstituíble.

Para exemplo do que se debe ou non se debe facer, este xoves, diante dunhas cervexas (xa sabedes vós de que marca) estabamos chegando á conclusión de que as ostras do Eo nada teñen que ver coas de Arcade, cando un asturiano que nos escoitaba se meteu na conversa e deunos unha lección de cultivos mariños, mareas e plancto que nos deixou abraiados, ata o punto de facernos ir á peixería para saborear a diferenza.

Non sei se iso se enmarca no patriotismo ou no chauvinismo, pero xa quixera eu ver a don Alberto invitando nalgunha recepción, no pazo de Raxoi, a sardiñas asadas sobre pan de boroa, a un caldo de repolo ou a un cocido con morro, rabo, e touciño, regado cun Barrantes en cunca de barro, para rematar cun bo café de pota, con gotas ou chorro de augardente, servido por camareiros de chaqué que faría as delicias de calquera delegación diplomática, e de paso había de valer para promocionar esa dieta atlántica tan nosa e tan envexada en medio mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>