Libertas, na Casa dos Cóengos

BF22C5F2_185752Antonio Piñeiro. Convídoos a asistir á mostra de Libertas, de Olegario Sampedro, na Fundación Cela, en Iria Flavia, coa súa poética visual e mais a poética dos espazos impregnados do xenio incomparable realzados mutuamente. A liberdade de expresión é o eixe co que Olegario Sampedro pecha/abre o milde das linguaxes para engadir vieiro á roda vivencial. Os elos da liberdade cinguen un artello metafórico que o é pola forza das imaxes e a acumulación das voces, nunha admirable e aberta narratividade, atopada, sobre todo, nese texto ou nese son que se escoita no segundo plano, e que chega indefectiblemente a cada unha das obras.

Ás veces atopamos a historia dun personaxe -tras os retratos, por exemplo-. Outras veces é a intensidade dun intre, dunha circunstancia. Outras é a pura sensación. O berro mudo do escolar agochado na parte de atrás dun marco, ao que lle caeron enriba dos beizos as cartolinas da súa mordaza -ai, os depredadores- en forma de etiquetas de marcaxe dos produtos de consumo. Quizais, para min, un dos mellores exemplos da mostra. Ou ese das bolboretas obxecto da polémica acaecida nas redes sociais. Imaxes, en definitiva, desprendendo e levando os regueiros da suxestión alén do primeiro estado, que é o que pretendía Olegario Sampedro ao dicir «obra viva».

Unha magnífica, renovada e sempre sorprendente colección de ensaios visuais na que o xogo da antítese coma recurso da tensión (a liberdade contra as súas cinchas) aparece na meirande parte das montaxes.

No corpo (cor e nu) contra o muro (gris, creba e mofo), nesa fermosísima escolla da composición que vai -xa o dixemos- alén do suxestivo. Ou, máis nitidamente, no espazo ciscado de camelias brancas, excitando esa idea intrínseca do pétalo, metade falmaguentos, metade aínda exigua pureza, e separados polo gabillo. Ou na visualización dos recullos anatómicos, coma coutos, mais tamén coma lugares da liberdade: o ventre, a gola ou a radical luzada coa que a face xorde da radical sombraxe. Ou a proposta dos rostros embotellados; é dicir, a cerna da expresión metida nun botello, gaiola de cristal, xiro retórico da gaiola de ouro, pero co envase, cuxas connotacións non fai falta explicar. Ou os corpos semifetais, semiespidos, xurdindo entre as páxinas dos libros queimados. Esa idea da tona téxtil resistíndose a mudar pola tona de cinza e ignominia, salvando cadanseu pouco de pel libre e nun xogo, outra volta, co contraste entre a pureza e a inmundicia.

Convídovos á excelente proposta de Olegario Sampedro, magnífica coma visión de conxunto, coma azo evolutivo, onde as formas do tempo -concepto que mesmo nos está a dar o título de algo- acadan o toque impreciso entre o visible e o sensible mais, sobre todo, coma o canto á actitude que leva en si a propia palabra: Libertas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>