O dono do chifre

Claudio-Obregon-CNT-BFidel Vidal. O chifre, sempre á man de Hamm, colgado do pescozo como un escapulario ou un toisón de ouro -o vélaro dun carneiro degolado a emitir un son parcial (mentres o coiro se transforma en ouro)-, un chío particularmente alarmante ou angustioso, igual que o pranto dun neno, utilizado para pedir axuda ou demostrar quen é quen na sala de demostracións. En cada un dos seus apurados sopridos está a dicir e reclamar: Acudide!

Hamm, o amo, tendo gorxa e voz, fai uso do asubío para chamar polo servente. Por Clov. O “pito”, un indicador de quen manda. Así tamén o árbitro que sinala as faltas ou expulsa o infractor do campo. Neste caso, no de Hamm, a cousa vén, pola contra, de traer cabo del non a quen cometeu a falta senón a quen falta. Un xuíz demandando atención e independencia arbitrariamente. Un factor da estación pondo en marcha o tren. Porque lle tocou a el en vida o papel de amo e ao outro de escravo. O pito –quen o ía dicir- colga do pescozo formando parte do seu dominio, e non precisa –como sucede co anteollo- que ninguén llo achegue.

O chifre alerta, como a buguina do automóbil metendo présa ao de diante porque tarda (unha milésima de segundo despois de pórse o semáforo en verde) en arrancar. Do mesmo xeito Hamm insiste, sen palabras, só co asubío a todo meter, en que Clov acuda axiña. O chifre posúe poderes máxicos. En canto se sopra aparece o criado. Ten a calidade de facer presente -pola sinxela e implícita razón da obediencia debida- aquel que é necesario e vai pór en orde, se así llo pide o dono do pito, os elementos do escenario. De paso, coa súa aparición, completará o número total do elenco.endgame Cadaquén interpretando o seu número: un par deles de lixo (os proxenitores, sen se moveren do seu bidón, laiando por un biscoito); e os dous restantes, o criado, de contestatario lambecús e, por último, o amo, o primeiro, no papel principal de árbitro eivado.

Non é doado mirar para outro lado. Deixar de obedecer a un eivado, a un impotente –di Adorno- é unha das cousas máis difíciles, sabendo ademais que “o insignificante, o sobordado, Clov podería provocar a morte de ambos; Clov di: ‘A morte está fóra´. A antítese dos heroes, xa que logo, tampouco está fixada, senón que os seus impulsos mestúranse; precisamente Clov é o primeiro en falar do final.” (Theodor W. Adorno, Intento de entender Fin de partida)

HAMM: (…) Ben, xa está ben, estou aquí, é suficiente. (Agarra o chifre. Vacila, déixao. Pausa.) Si, realmente! (Toca o pito. Pausa. Máis forte. Pausa.) Ben. (Pausa.) Papá! (Pausa. Máis forte.) Papá! Ben (Pausa.) Chegamos. (Pausa). E para rematar? (Pausa) Lanzar! (Chimpa o can. Arríncase o chifre). Tomen! (Tira o asubío diante súa. Funga. Baixo.) Clov!

5 comentarios en “O dono do chifre

  1. A ese Paquito que sempre saía no No- Do, propuxérono en unha ocasión para o Premio Nobel de Física, e sabes por qué ? porque logrou demostrar a inmovilidade do “Movimiento”.
    Biquiños.
    Gustoume moito o palíndromo do pito. ALA.
    Adeus.

  2. Estimado Fidel:
    Ante a perda dunha morea de tempo na procura de verbas descoñecidas (chifre, vélaro, pranto -que non atopo-, prío…), boto de conta que é mais de cobiza seguir coa lingua de Rosalía, anque sexa malamente.
    Esta obra, que tanto da de sí, traeme a memoria unha ópera de Pergolesi, “La serva padrona”, que, ainda que non vaian os tiros na mesma dirección de “Fin de partida”-ou si- algo teñen de común, a xuzgar polo título da ópera.
    E pensar que toda a miña vida estiven falta dun pito (chifre), por culpa da pouca voz, e xamais botei man del… Nin botaría, de saber que era un signo de mando. Nunca fun amiga de dar ordes…
    E non cres que vai sendo tempo de finalizar a partida…? Doutro xeito os lectores da miña categoría non imos ter recursos para responder aos teus artigos.
    Mi madriña querida ao que me atrevo…!!!
    Boas noites.

    1. Dá gusto ler as túas achegas nun galego que xa quixera eu para min, miña moi prezada Carmen. Tranquila, o final da partida está a dous chanzos. Nun par de artigos remato esta que foi para min unha estimulante e gozosa aventura da man de Samuel Beckett.
      O chifre, nas casas de certa alcurnia para chamar pola criada, ou noutras cando alguén estaba enfermo, era substituído por unha campaíña que soaba como asistindo a misa. Estou contigo: de termos voz sobran campaíñas e chifres.
      “Mi madriña querida…” oxalá continúes atrevéndote. É un pracer. Saúde.

  3. Querido Fidel, da gusto ver como sacas de esas pistas buenas conjeturas. No puedes negar tu profesión, yo no me fijaría en ciertos detalles, como por ejemplo, en ese amo al que no le falta la voz y en cambio utiliza el poder de su soplido para que el servicio de ese servidor se convierta en servidumbre. Ahora veo lo importante que es un pito o una bocina, no había caído en ello. De esa decoración tan sucinta de la habitación sobresale el pitido mandón del cual Hamm se aprovechaba. Pero, pensándolo bien ahora recuerdo a tío Paquito, un señor de Palmeira que yo admiraba mucho porque sabía pitar muy bien en los partidos que el Palmeiriña lo tenía de árbitro. Para mí, era un superhombre. Hasta que un día entró en el bar de tío Eusebio en donde estaban matando a una gallina para comer al día siguiente ( era víspera del Santísimo ) y al ver tal cuadro se escapó corriendo. Aquél superhombre, se esfumó.
    “El espíritu está presto pero la carne es débil” (Mateo 26,41)
    O CAÍN O MEDIOCRE : TERCO Y DEMONÍACO.
    Besiños palmeiráns y que te lleguen pitando, o sea, en un soplido.

    1. Seguindo co xogo imos darlle a volta á cita de Mateo e mudámola nesta: “A carne está presta, mais o espirito é débil”. Sempre foi así, querida Magdalena, nos asuntos da “carme” o mal radica na debilidade do espírito.
      O tío Paquito como dono do pito nos partidos de fútbol en Palmeira, tráme á mente outro Paquito, o tío Paco que sempre saía no No-Do, señor e amo e dono do país e do pito.
      O DONO DO PITO É O TIPO DO NODO.
      Saúde e alento presto para un aturuxo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>