Un pedagogo noiés

El precursor gramaticalPastor Rodríguez. Nacido en Argalo, Noia, en 1859, Celestino Buján Suárez foi mestre de primeiro ensino e superior, a súa figura foi estudada na revista Alameda pola profesora Aurora Marco no 2001. Tras exercer en diferentes escolas galegas e de crear unha escola de adultos, obtivo o seu destino definitivo en 1893 na Escola Normal Superior de Mestres en Compostela, tras acadar o título de mestre normal na Escola Normal Central de Madrid. Dende esa data iniciou unha etapa da súa vida non só dedicada á docencia, senón tamén á participación en congresos sobre todos os temas relacionados co ensino.

Membro do Colexio de Xordomudos e Cegos, secretario da Escola Normal en catro períodos, chegou mesmo a ser director accidental desa institución. Ademais, desenvolveu un amplo labor de publicista sobre temas pedagóxicos na prensa, colaborando en La Idea Moderna, de Lugo e dirixindo en Compostela El Magisterio Gallego. Outro dos seus méritos pedagóxicos foi a fundación, en Lugo, da revista de primeiro ensino El Mensajero. Galardoado en varios certames pedagóxicos, foi nomeado cabaleiro da Orde de Isabel a Católica. Faleceu en Santiago o 1 de abril de 1927.

Autor de varias publicacións relacionadas coa súa profesión, poden citarse as tituladas Aritmética elemental, editada en Lugo en 1890, ano no que tamén publicou na mesma cidade Escuelas de adultos: su necesidad y objeto. Carácter, límites y organización de esta enseñanza. Xa en 1891 e tamén en Lugo, aparecerá a obra El precursor gramatical, acomodado a las doctrinas de la Real Academia. En 1897 edita Programa de elementos de geometría, dibujo y agrimensura, aparecida en Compostela. Non foi o único pedagogo noiés que publicou no século XIX pois poden ser citados, ademais, José Benito Hermida e V. Piñeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *