Campo aberto, de César Souto Vilanova

O Andel. Campo-abertoRomán Arén. Tómolle un verso prestado ao noiés César Souto Vilanova (1975) de Campo aberto, e fágoo, quizais por considerar que contén unha palabra chave na obra, vento, aquilo que move as cousas dese campo aberto, que están, pero sobre as que actúa o único deus imparcial, o Tempo. César Souto é xornalista e director de longametraxes como Os días afogados, pero tamén bo poeta (Sucesos, 2004. Tambo) inda que con pouco eco crítico. É a súa unha poética realista, reflexiva, metapoética, que atende á linguaxe, pero sobre a que actúa o tempo, porque “só un dominio do vento”, ese “aire ceibo” que “percorre a tarde”, dota o eu lírico dunha embazada saudade ante “tanto oco arredor / das partillas do vento”. A biblioteca da obra (Celan, Williams, Stevens, Tomlinson, Elliot, Ashbery, pero tamén o formalista Pondal) remite a unha poética autorreflexiva onde silencio, elipse e ausencia de anécdota, dotan de densidade a voz lírica. Pero malia iso, proximidade por medio da patria toponímica, pois se os lugares “están”, “está Noia baixando Toxosoutos”, “está San Finx / co volframio espeso”, “está Testal con xuncos / cunchas ciscadas…” Non faltan alusións irónicas (Pondal, Díaz Castro) nin o sentido elexíaco e polifónico, amais da melancolía. Un poeta que está adquirindo xa voz fonda en diálogo co mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *