Nova York en José Martí

184da6f90256a18f864d32b0d2240a5aCésar Alen. A poesía, en certo xeito, foi o acicate da revolución cubana, e doutras moitas por suposto. Que razón tiña Gabriel Celaya cando dicía que “a poesía era unha arma cargada de futuro”. Primeiro foi a súa formación intelectual, deixar atrás a simplicidade do pai, a basta conduta militar. Un mentor culto e idealista (iso é o que todos necesitariamos).  Mendive era o seu nome. Plantou unha semente, algo que parecía insignificante, pero que chegou moi lonxe, á culminación da revolución castrista.  Outro punto de inflexión foi a súa viaxe a Nova York.  Aquela mastodóntica urbe esmagouno, deixouno sen folgos, someteuno, subxugouno. Botouse ás rúas, a percorrer as súas arterias, os seus intestinos. Barrios ricos e pobres, inmensos parques. Contemplou os primeiros rañaceos, esquivando carruaxes, que tomaban as rúas posuídos pola impaciencia. Estaba a ser testemuña directa dos albores do capitalismo, o desenvolvemento industrial apoderábase de todo o armazón social. Nese sentido, a gran mazá aínda expresaba o vigor obreiro, a ilusión intacta do soño americano. O gris podía chegar a ser a cor da esperanza. Cando camiñaba incansable polas rúas recoñecendo o novo mundo, a xestación da sociedade do futuro, levantaba a vista e vía xigantescas armazóns de ferro, de aceiro, inmensas gaiolas (como el mesmo diría nalgún poema), gaiolas para as pombas que representan o puro, a liberdade, o espírito, eran os caparazóns dos rañaceos que proliferaban por toda a cidade. Tamén reflexionou o noso autor, sobre a escravitude, os trapos sucios dunha sociedade que quería ser a vangarda intelectual e humanista. Nalgunhas das súas conferencias impartidas en Nova York, ante un público composto por negros e mulatos, tabaqueiros, artesáns e comerciantes, na súa maior parte cubanos, que sentiran, como apunta o seu biógrafo Jorge Manach: “a repulsión brutal do ianqui louro e o disimulado rexeitamento do compatriota branco. Aínda que, de facto, foran capaces de conseguir a unión, tras aquela cruenta guerra civil. Así o definía Manach: “Vencía o romanticismo industrial sobre o romanticismo negreiro. Acéptase gozosamente a escravitude ao capital, porque todo mundo cre poder chegar a amo”. Martí recolle este tipo de reflexións en esgotadoras camiñadas atravesando a cidade, coma se estivese a atravesar o mesmo continente. Son demasiadas visións, demasiados estímulos que acaban por esgotalo.5ce3f5778763b57d138b4567.__RS360x360__ Busca entón, refuxio na casa onde se hospeda por xentileza de Manuel Mantilla, un acomodado cubano, que tamén teoriza sobre a revolución, a definitiva liberación da illa do xugo español. Aquí descansa e toma distancia, reflexiona sobre a opulencia e chega á conclusión de que o sistema que sostén este desenvolvemento sobredimensionado, cobra moitas vítimas. Entón, o idealismo deixa paso á visión. Comprende como ha de ser o porvir na súa propia terra e en toda Hispanoamérica. Nese momento descobre os transcendentalistas dos que se proclama fiel seguidor. É como un choque de trens, unha inspiración catártica. Un home profundamente nacionalista, que dedicou un esforzo titánico a tentar liberar a súa patria do xugo español e logo do norteamericano, que filtraba a sombra das súas barras sobre a illa, foi precisamente neste último país onde atopou o nume necesario, a fórmula intelectual precisa para enfrontar o seu desafío. Leu os escritos de filósofos como Emerson que, a pesar da súa natureza eminentemente americana, non deixaba de axuizar os métodos do seu propio goberno. O feito de chegar ao corazón mesmo do monstro non resultou tan nocivo. Cando alguén se atreve a traspasar os dogmas, pode chegar a comprender con maior profundidade, ampliar unha visión limitada polos prexuízos. Este tipo de sensacións adoitan darse nas grandes metrópoles, onde o crisol de culturas fai virar a roda do pensamento, centrifuga as ideas e depúraas.jose-marti A contradición supón un fértil campo onde cultivar as disparidades, as discordancias, discernir os antagonismos para xerar un novo pensamento. Trátase de hibridar unha nova concepción do ser humano, embridado pola linguaxe poética. Así Emerson en  The  Poet sostiña que “este era o home completo porque utilizaba a linguaxe simbólica”. Coñeceu a Thoreau e o seu talante revolucionario, contestatario. Ademais de deixar obras tan didácticas e transformadores como Civil desobedience, da que se nutriron personaxes tan cruciais nas revolucións de principios do século  XX, como  Gandhi ou Martin  Luther King, propúxose vivir no medio do bosque nunha zona coñecida como  Walden (que daría nome ao seu máis famoso texto). Construíu a súa propia cabana e renunciou a todas as comodidades. Tamén se declarou insubmiso fiscal. Negouse a pagar impostos a un goberno no que non confiaba. Por último leu a Whitman, para quen a poesía era a expresión dos designios divinos da natureza. De feito, Martí foi quen o introduciu na nosa lingua, resultando de gran inspiración para poetas da talla de Darío ou Neruda.

2 comentarios en “Nova York en José Martí

  1. Es una pena que cuando se escribe algo como lo que acabo de leer, el ordenador no aplauda. Yo lo hago por él. Me ha encantado.
    Gracias Cesar.
    Cariñosos saludos palmeiráns.

    1. Como siempre gracias a ti. Para mi tus comentarios ya son suficientes, desde luego me animan y estimulan para seguir pensando artículos que lleguen y aporten algo. Muchas gracias. Saludos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>