Homenaxe a Xabier Docampo

docamPilar Sampedro. Ás veces faise tarde a homenaxe e, tamén, o comentario sobre a mesma.Morrera Docampo a finais do curso pasado. Case un ano máis tarde xuntámonos unha serie de entidades para celebralo, tal como toca facelo cun escritor: lendo a súa obra. Foi un día na biblioteca Ánxel Casal de Compostela.

As organización participantes eran, ademais da propia biblioteca, Compostela Literaria (que reúne especialmente librarías e editoriais ligadas á cidade), GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Prolingua (plataforma a prol da defensa e promoción da lingua); as asociacións culturais O Galo de Santiago, Xermolos de Guitiriz e Vagalumes de A Estrada; a asociación Alumni USC, o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, a Revista Galega de Educación, a asociación de Veciños Plataforma Galeras, a Irmandade Manuel María, a Fundación Alexandre Bóveda… ou Barbantia que non chegou a tempo para colocar o seu logo no cartel pero apoiou a convocatoria.

A Deputación da Coruña colaborou imprimindo os carteis e marca páxinas. Unha chea de vontades ao servizo da lembranza dun escritor que tamén foi un cidadán comprometido coa lingua, coa cultura, o libro, a lectura, a escola e a infancia. Fundador de Prolingua, de GALIX (do que tamén foi presidente), de Nova Escola Galega e da Revista Galega de Educación; creador e director de proxectos tan ilusionantes como a revista internacional de arte e literatura BLOC; colaborador de canto proxecto interesante se movía polo país e necesitaba unha man… De aí que non debe sorprendernos que unha representación de todas esas entidades estivese disposta a acudir a esas lecturas xunto con individualidades que viñan para acudían a poñerlles voz ás súas obras.

Comezaron en horario de mañá os CEIP López Ferreiro e Raíña Fabiola, os IES de Pontepedriña, IES Xelmírez I, Xelmírez II e Rosalía de Castro xunto con algunhas mulleres da escena, como Gloria e Sonia, ou da literatura, como Rosa Aneiros, Manolo Gago e Soledad Felloza. Pola tarde fixérono o resto das entidades participantes faltando tempo para que o puidesen facer todos os que por alí pasaron, desde os académicos Euloxio Ruibal, Margarita Ledo e Francisco Fernández Rei ata as persoas que se desprazaron desde Lugo, Guitiriz, a Estrada ou A Coruña, pois moitos eran os que querían a Docampo, o mestre das viaxes imaxinarias como o definiu Héctor Cajaraville. Rematou o acto cunha conferencia de Mª Jesús Fernández e a entrega da peza Socio de Honra de GALIX á súa familia.

No frontal da biblioteca, mirando cara ao horizonte, unha fotografía de Docampo e unha frase “Toco cos dedos a luz nova do día; así tocaron as persoas lectoras as obras de Xabier para quedar coa súa pegada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *