Nunca é tarde

images (1)Óscar Reboiras. A miña irmá e eu levabamos moito tempo animando a nosa nai a que se apuntase a algún tipo de actividade. Pero sempre xurdían contratempos, escusas ou, directamente, facía oídos xordos. Por iso nos sorprendeu cando, sen máis, nos anunciou que se apuntara á piscina.

Este ano acaba de cumprir os 65. Moita xente, tras a xubilación, inténtase manter activa e ocupar o tempo na compaña doutra xente. No caso da nosa nai, ten a ilusión de aprender a nadar. Xa adianto que aínda non o conseguiu (sen flotador), pero tamén que nunca a vin tan feliz.

Cada vez que falo con ela por teléfono ou cada fin de semana que vou a Rianxo, o tema de conversa xira arredor das clases na piscina. Adoita ir un par de veces por semana. Coñezo os nomes das compañeiras e das monitoras. Incluso da que lle presta máis atención. Como ela é así, en agradecemento, ata lle fixo unhas filloas no Entroido. A mala sorte quixo que ese día fose 8-M e a rapaza fixese folga, polo que a miña nai, un tanto decepcionada, volveu con elas para a casa.

Cóntame cada pequeno progreso, os días bos e os días malos. Explícame que unha compañeira aprendeu a nadar con aletas e pregúntame se sería boa idea mercar ela unhas. Eu aconselleille que non, que mellor seguise as indicacións das monitoras.

Sempre me insiste en que vaia un día á piscina (ela falaría coas responsables, porque non son socio) para que vexa como nada e para sacarlle unha foto (aínda que as normas non o permitan).

Sen dúbida, un dos días nos que máis contenta a vin foi o domingo pasado. Aproveitando que eu ía á praia, díxome que tamén se apuntaba. Apareceu ás 6 da tarde en Tanxil, achegouse ata o lugar no que eu tiña a toalla, agarrou o seu churro de escuma azul e alá se meteu. Tanxil sempre é un prato, pero esa tarde había máis ondas do habitual. Meteuse sen vergonza, coa súa viseira branca que á mínima se mollou, apupada pola marea.

Ten medo a afogar, ben se lle nota, e non adoita meterse máis alá da cintura. Para pasar dos xeonllos xa lle custa. Dá igual que haxa xente ou non, porque muller precavida vale por dúas. Deu varias brazadas co churro debaixo do peito, espernexou un pouco e cada pouco miraba para min, sorrindo, buscando a miña aprobación. Detrás dela, a uns tres metros, unha nena duns oito anos, co seu flotador, miraba a escena sorprendida. O normal é que aprendese tamén de cativa, non de maior. Por iso agardo que lle quede fixada a imaxe da miña nai, cos seus 65 anos, feliz, sabendo que os límites só nolos poñemos nós. Que nunca é tarde para aprender, para desfrutar, para deixar de pensar no que opinan os demais, para mollarse. Porque á miña nai non hai quen lle quite esa ilusión nin a min o orgullo pola lección que me deu.

6 comentarios en “Nunca é tarde

  1. Precioso relato Oscar. As mellores aventuras son as que nos tocan ao corazón e do mesmo sitio saen as historias máis fermosas e mellor contadas. Noraboa e unha aperta.

  2. Nunca debería ser tarde para nada, para un logro ou un batacazo. De todo se aprende!
    Parabéns a túa nai por decidirse e a ti polo ártigo.
    Grande aperta rianxeira.

    1. Un batacazo é mellor deixalo ir. Agora se podes sacar proveito e algo bo co tempo, pois non hai que por ben non veña, que se adoita dicir. Pero a idea era sobre todo deixar claro que ás veces nos limitamos, dicimos que somos maiores para aprender, para facer algo novo, para descubrir, para cambiar… E son clixés. Temos a nosa zona de confort, cústanos saír dela, pero sempre hai tempo ;)

      Graciñas, Xoán.

  3. Es un placer verte asomar nuevamente por este café, Oscar.
    Tus entradas siempre son muy positivas y por tanto, se leen con una sonrisa en los labios que se agradece.
    Comprendo la alegría de tu madre porque también yo por una serie de circunstancias, aprendí a nadar después de casada y es una experiencia que la valoras mucho más que cuando eres una niña.
    Espero volver a leerte con más frecuencia, Oscar.
    Cariñosos saludos para ambos desde Palmeira.

    1. Moitísimas grazas, Magdalena. A verdade é que para min tamén é un auténtico pracer achegarme aquí non só como lector, senón tamén compartindo escrita. E máis se me agarda un comentario tan estupendo.

      Agardo sacar algo de tempo e deixarme ver con algo máis ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>