Galicia e os galegos na poesía castelá. CXXVIII. O Marqués de Lozoya

marquesdelozoyaRomán Arén. O segoviano Juan Contreras e López de Ayala (1893-1978) foi moi coñecido como historiador da arte, xa que de 1946 a 1963 foi catedrático de Arte Hispanoamericana, membro da Real Academia da Historia e da de Belas Artes de San Fernando e autor de obras como El arte gótico en España (1935) e a Guía de Segovia (1957). Pero el mesmo recoñecía que a súa verdadeira vocación fora a de poeta, e así publicou obras como Poemas arcaicos (1913), Poemas de añoranza (1915), Poemas castellanos (1920), Romances del llano (1924), Sonetos espirituales (1925) e Cantar de las tierras altas (1928). Ademais, publicou novelas como El Corregidor e La alquería de los cipreses, biografías moi documentadas (Doña Angelina de Grecia, 1913) e ensaios como El concepto romántico de la Historia (1930). O marqués de Lozoya comezou como poeta arcaizante e “castellanista, moi retórico e arqueolóxico, non lonxe do Ricardo León poeta, pero baixo o influxo de Antonio Machado e Campos de Castilla depurou a súa estética e fixo a súa poesía máis fonda, máis sincera e máis sinxela, non lonxe de Enrique de Mesa. Lémbroo agora polo poema “Caminito de Santiago”:

¡Caminito de Santiago!/¡Vereda clara de Estrellas,/que enseñas a los romeros/la vía de Compostela!/La vía de Compostela/va siguiendo un peregrino./¡Decidme si lo encontráis/a lo largo del camino!

Aínda foi autor doutros poemarios como Los caminos y los días (1935) e Poemas (1976), pero aínda que foi premiado co Fastenrath en 1920 pola Real Academia Española, interesou pouco á crítica, agás no caso de Sainz Rodríguez, González Ruano e Gallego Morell, que acerta cando sinala que deixou de se disfrazar con traxe de época para cantar unha CAstela máis esencial (Poetas y algo más, 1978). Ademais o autor de Historia del Arte Hispánico publicou tamén a obra Santiago Apóstol, Patrón de las Españas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *