Danza na cidade

Pilar Sampedro. Houbo un tempo no que chegando o verán a Compostela asistiamos a un festival de danza ao aire libre. Tratábase de En pé de pedra, organizado polo grupo de teatro Matarile con sede no teatro Galán, xa desaparecido. Si, tamén desapareceu a mostra que se anunciaba cunha música que nos congregaba –igual que os nenos e nenas de Hamelín– para asistir ao espectáculo de danza contemporánea sobre a pedra. Foron bos tempos e tardaremos en esquecelos porque, igual que o festival Cineuropa, traía á cidade o mellor do que se producía fóra.

Agora, timidamente, como con medo a sacar o pé da pedra, está en marcha HerDanza neste mes de setembro. Tamén se trata de danza contemporánea, e ocupa o casco antigo, e tamén ten un marabilloso nome, porque se trata de herdar a danza, de herdar e danzar, de ocupar as rúas de pedra cos pés que danzan. Ben é certo que se enriquece con conversas, proxeccións e presentacións de libros pero o motivo central pódese dicir que é compartido con aquel festival anterior.

Agardamos que dure máis, pois asistimos á cuarta edición e desexamos que teña continuidade e futuro; a cidade préstase. Por iso, o sábado 21 de novembro asistiremos á Escena Patrimonio, é dicir, danza nas cidades patrimonio da humanidade, entre as que se atopa Santiago; neste caso será a compañía formada por Claudia Dias & Pablo Fidalgo en colaboración con Materiais Diversos. Danzar as cidades patrimonio, utilizar as rúas e prazas de pedra coma o mellor dos escenarios, petar cos pés e a música para espertalas do longo sono no que están instaladas para goce de toda a humanidade, da actual e a que ha vir.

Mentres a danza se facía dona do casco vello, nunha das súas galerías Fátima Rueda colgaba os seus cadros, enchendo as paredes de baile coa mostra Arredor da danza. Dela e da súa obra, escribía eu hai un tempo:

“Fátima danza cando se move. A elegancia do seu movemento remítenos a unha temática moi querida. Ballets nos que os bailaríns se estilizan ata semellar figuras aladas, cadros nos que estes se debuxan en branco sobre a policromía e os seus corpos poden ser transparentes para que os traspase a cor do fondo. Coreografías que evolucionan desde o clasicismo a novas interpretacións de vangarda visual e musical. A exposición ten esa música que atravesa os sentidos e se integra no lenzo; leva a banda sonora incorporada igual que trae o movemento aínda na quietude da representación. Detense no desprazamento, fica xeado e inmóbil para que a música o obrigue a poñerse en marcha. Variacións que se cortan a modo de pause.

Escenografía e decorados que reciben o surrealismo nas telas e os atrezzos, que xogan coa abstracción e o universo dos soños onde entran os corpos celestes, as xeometrías, as formas informes. Ás veces as figuras escapan do lenzo e aparecen en pratos, formas de poliéster, botellas ou abanos. Ás veces as cores foxen da tea para colorear as pezas de madeira, o modo de tótems surreais, de pezas de ebanistería torneadas. Ás veces, ergue xeometrías, escenografías propias, arquitecturas construídas con anacos de madeira, en tonalidades, que lembran as táboas, os restos dun naufraxio pulidos e lambidos polas mareas ao longo do tempo; escenografías para a danza dos días que… ás veces ten a ben o encontro en Compostela”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *