Román Arén. Murciano que residiu moitos anos no Brasil, lugares que marcan a súa traxectoria dende unha paisaxe de sol até a luxuria da cor americana, cando veu a Galicia para residir na Pobra do Caramiñal mantivo esa felicidade da cor, ese tratamento da realidade dun xeito elemental, que crease un mundo novo a partir do eterno. O crítico Francisco Pablos sinalaba non só a elementalidade, senón tamén, como a realidade esencial se facía soño, como os primores do vulgar se volvían perdurables. Así xorde ese Corrubedo en ocres ultramar e cadmios, unha reinvención básica do xa existente, expresada con esa elementalidade feliz que ten a pintura de Mir; un espectáculo sintetizado do mar, dos obxectos, onde se agochan, aínda que se intúan, o expresionismo, Chagall ou Bracque. Un tempo de sempre, pero novo, para mergullarse nel na ledicia da síntese: o palleiro, o hórreo, a terra, o mar. Innóvase dende o máis difícil, o tópico; defórmase para reconformar o mundo, abrásase o espectador coa cor. Unha pintura para existir no que é perdurable. Un pintor de Lorca que se adapta aos mundos que coñece, un pintor da cor, pero que capta o esencial da figura, unha experiencia lúdica na felicidade do existir. Convivir co medio, respectar o autóctono para facelo universal, a realidade como emblema, como metáfora poética e como signo definitivo da verdade. Á tradición iberoamericana únense agora o lirismo galego, a lección de Laxeiro, os medios tons da cor, para pasar do lume do mediterráneo a unha realidade máis complexa como a nosa. Así, convivirá este Corrubedo eterno coa botánica brasileira, cos ciclistas expresionistas, coa realidade básica de Murcia, para conformar unha obra de grande calidade e capacidade sintética. Un Corrubedo reducido ao que o caracteriza, coa sabedoría dos nenos e dos anxos, unha realidade que non se nos esquece por inmortal. Unha paisaxe que vencella a turbulencia e o sutil, a forza e a delicadeza, o vital e o íntimo. A mirada dos de fóra que xa se fundiron con nós, unha Galicia, un Corrubedo, para o mundo.