O Don Gaiferos

Gaiferos2Francisco Ant. Vidal Blanco. Sempre me gustou o romance daquel peregrino camiño de Compostela a quen lle fraquean as forzas, e sentíndose incapaz de avanzar pídelle ó Apóstolo o alento suficiente para chegar ó seu templo. Mal que ben acada ó seu destino, e cando se encontra fronte a Santo Patrón dálle as gracias dicindo que xa lle pode quitar a vida se así o desexa, e entón cae morto.
O romance remata: Este é un dos moitos milagres que o Señor Santiago fai. Daquela, vós coma min, diredes que mellor lle sería ó noso Santo Apóstolo non facer certos milagres. Aínda así, se o romance recitado é fermoso, moito máis o é musicado por Faustino Santalices, quen o interpretou por vez primeira durante unha homenaxe a Menéndez Pidal, o maior estudoso dos romances no seu tempo.
De don Gaiferos contáronse moitas cousas, desde poñelo polo duque Guillerme de Aquitania, a pesares de que o peregrino di que vai Camiño de Compostela donde teño o meu fogar./ –Compostela é a miña terra, deixeina sete anos hai. Tamén se asegura que non morreu como di o poema, senón que se retirou como eremita a Fisterra, onde aínda quedan os restos da súa capela, a cal foi mandada derruír no século XVIII por un arcebispo celoso da fe canónica, por facérense alí rituais de fecundación que non eran do seu gusto.
Como seguramente sabedes, o Don Gaiferos é un romance que aparece por primeira vez recollido por Murguía na súa obra “Galicia” de 1888, a cal, asegura o Patriarca, cantábase por cegos e xograres e chegou ata nós como unha proba da poesía tradicional e popular. Pero é mentira. Murguía, o home que tantas cousas fixo polo rexurdimento cultural e identificador galego, abusando da credibilidade que a súa palabra merecía, mentiu e colou a mentira durante cen anos, pois o Don Gaiferos non é un poema popular senón da súa autoría. E así o aseguran os maiores especialistas en romances medievais da península. A súa falta de autenticidade xa se demostrou no Catálogo Xeral do Romanceiro, editado polo Seminario Menéndez Pidal, na década dos oitenta do século pasado.Gaiferos3 O profesor Xosé Luís Forneiro, destacado especialista nestes temas, explícanos que tampouco se encontra entre os case seis mil versos soltos, versións ou anacos de romances que chegaron ata nós nada que se lle pareza. E xa é moita casualidade que un poema tan redondo, e cando, por certo, non soe haber romances con temática galega, non teña copia, versión, adaptación ou modificación en ningures.
Estamos polo tanto ante unha fraude exercida polo máximo representante da investigación histórica galega do século XIX? Foi Murguía enganado por algún informante que lle fixo chegar este poema que el deu por orixinal sen selo?. Nunca o saberemos. Ó lóxico sería pensar que o Patriarca foi mal informado, pero dado que pesan sobre el tantas dúbidas, tanto sobre a súa pulcritude en certos asuntos tratando de amañar documentos para xustificar as súas teses como noutros enredos encamiñados a dulcificar a súa opinión, seguiremos desconfiando dese seu afán, ás veces desmedido, por preservar unha determinada imaxe para a historia, arredando, en máis dunha ocasión, a verdade co fin de acomodala e facela máis consecuente co seu ideario.
   Aínda así, o Don Gaiferos é un romance que me encanta escoitar, a ser posible con música de zanfona, só que cando falo del xa non digo “ese romance popular”, senón “ese poema de Murguía”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *