A bruxa e o unicornio

51wOZ8zGBvL._SX325_BO1,204,203,200_María Xesús Blanco. Hai historias que te prenden dende a primeira frase. E escritores tamén. Iso é o que acontece con Ese Unicornio rosa (Finalista Premio Ala Delta, 2005) e co seu autor, Carlos Mosteiro (Xeve 1955, Pobra do Caramiñal 2017). Neste libro un neno a piques de cumprir nove anos, Miguel, escríbelle unha carta aos Reis Magos pedíndolle algúns agasallos. Entre eles un misterioso unicornio rosa que lle sorrí tralo vidro dun escaparate. Un segredo que non se atreve a contar por mor de ser visto coma un parvo. O fío narrativo lévanos logo da man deste rapaz, e da súa amiga inseparábel Carolina, pola rutina cotiá duns personaxes que viven situacións, ás veces complexas, nas que han de resolver conflitospropios da súa idade e outros, a maioría, propiciados polos adultos. Unha voz pausada que artella realidade, fantasía e humor dun xeito maxistral botando man dun léxico transparente e coloquial. Un relato tenro que sorprende a pequenos e maiores  invitando á reflexión, máis aló da liña argumental, sobre diferentes temas como a amizade, o medo á separación dos pais, a perda ou a importancia das emocións.

            Esta primeira descuberta literaria levaríame a gozar doutros libros do escritor publicados con anterioridade como O día que Miguel Indurain pasou por Gonderande (1999) e Manual de instruccións para querer a Irene (Premio Abril 2005). E a achegarme con admiración aos seus relatos e artigos en publicacións colectivas diversas como en A cor dos soños (Barbantia 2007), en A Voz de Barbantia (La Voz de Galicia), en a revista Alameda (Liceo de Noia) e no blog Café Barbantia.

            Por suposto tamén lín a última novela publicada, Unha bruxa ben rara (Premio Barco de Vapor, 2006). Aquí a paisaxe de fondo é unha fraga verde e misteriosa chamada Bentraces, onde os rapaces e rapazas da contorna quedan para xogar. Con eles vivirá divertidas aventuras unha bruxa que é un pouco desastre porque ninguén lle ten medo. De feito algúns nenos acaban abusando dela. Isto resulta unha ofensa para as demais bruxas polo que a fan desaparecer. Pero os nenos e nenas do lugar axiña a botan en falta e organizan unha expedición para ir a buscala. Asemade aparecen outros personaxes peculiares coma un troll noruegués, un detective ou un dragón, de nome Cachifredo, que se unirán na procura da bruxa Raruxa. Nesta historia cativa un xeito de narrar áxil no que agroman diferentes voces e no que o narrador é, ás veces, un personaxe buscando a implicación e a complicidade do lector.  Sen dúbida agradécese tamén a ironía e o humor, unha constante no xeito de contar do escritor, que xogan un papel fundamental no desenvolvemento da trama.

            En resumo, un pracer mergullarse na ollada literaria de Carlos Mosteiro. E facelo da man de personaxes tan atraentes coma unha bruxa bondadosa e aventureira ou un misterioso unicornio que nos sorrí silandeiro tralo vidro da ilusión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *