Limiar Anuario 2019

barbantiaX. Ricardo Losada. Non recordo quen dixo que aqueles países nos que o sentido común choca coa evidencia son países infelices, pero é unha frase que me vén todos estes días de loucura mundial á cabeza. O sentido común, enterrado baixo populismos de diferente signo; a evidencia enterrada baixo esa proliferación de noticias falsas que gobernos de diferente pelaxe e particulares de diferentes intereses propagan polas redes sociais.

     Sei que falar de sentido común e de evidencia é complicado, e préstase a moitas interpretacións, mesmo a moitas manipulacións. Permitide, xa que logo, que explique que entendo por eses conceptos resumindo o que o escritor italiano Raffaele La Capria di ao respecto no seu fermoso libro La mosca en la botella. Elogio del sentido común, sentido común que define como “a constatación inmediata e desinteresada da evidencia”, “esa voz baixa da conciencia” que nos fai intuír de que parte está a verdade. E, deseguido, define a evidencia como “un feito que non ten necesidade de ser demostrado”, engadindo unha puntualización moi importante. O sentido común debe preocuparse pola evidencia dunha verdade, non polo problema da verdade. A evidencia non se discute, a verdade si, porque a verdade é un valor, e sobre os valores acabamos sempre polemizando. E fai un diagnóstico: “A verdadeira anomalía do noso tempo é que a evidencia se discute ou se nega cada vez máis desde a política e desde o abuso ideolóxico, porque as grandes ilusións do século xeraron visionarios, e os visionarios pasan por alto as evidencias. Quen nega unha evidencia falsifica toda a realidade, aínda cando crea non facelo”. La Capria pon un exemplo, que el mesmo recoñece simplificador, pero relevante: en economía é racional despedir obreiros e substituílos por máquinas, abaratando os custos de produción, facilitando a competencia e xerando maior riqueza. Pero a sensatez dinos que non debemos despedir obreiros, creando parados, mentres non haxa unha solución para eles.

     La Capria cre que somos como moscas atrapadas dentro dunha botella, e que hai tres condicionamentos principais que nos impiden saír, limitando a nosa liberdade e a nosa capacidade de ver as evidencias e aplicar o sentido común.

     O primeiro, o lugar onde nacemos e a mentalidade que o caracteriza, unha mentalidade que tende ao prexuízo e á confrontación con mentalidades doutros lugares, fomentando así a autocompracencia. Cre que só poderemos superar esa mentalidade do fogar natal, que Leopardi chama significativamente salvaxe, con análise e autocrítica.

     O segundo condicionamento é a linguaxe (onde residen as memorias ancestral e imaxinativa), unha herdanza que tamén recibimos ao nacer. Hai que estar moi alerta e ser críticos con el, pois imponnos de forma suxestiva ideas e opinións que en realidade non nos pertencen. Palabras como pobo, revolución, patria, Deus, liberdade, hai tempo que se baleiraron de significado e, canto máis se usan, máis se enchen de intereses espurios particulares. Xa que logo, tendo en conta que a linguaxe da liberdade debe ser unha linguaxe desinteresada, deberiamos buscar palabras novas.

     O terceiro condicionamento é a ideoloxía. As ideoloxías non teñen por que impedirnos ser libres e ver as evidencias, pero a maioría da xente está enferma de ideoloxía, é dicir, parten das ideas e de aí deducen a realidade, en vez de partir da realidade e deducir de aí as ideas. En Italia, di, “o país máis inmoralmente politizado do mundo, estamos condenados a unha especie de cadea perpetua mental. Hai condenados encerrados no pavillón dereito e condenados encerrados no pavillón esquerdo. Isto converteuse nun destino, nunha mentalidade, igualmente inmóbil; un feito non tanto ideolóxico, senón biolóxico. Existe unha bioloxía de dereitas e unha bioloxía de esquerdas, un tipo antropolóxico de dereitas e un tipo antropolóxico de esquerdas”. Non só, por suposto (e isto xa o digo eu), en Italia.

     Como saír da botella? Sigamos escoitando a La Capria: “Pero a liberdade, incluída aquela que se exerce desde o seno dunha ideoloxía (non enferma), atópase noutra parte. Non está nin na dereita, nin na esquerda, pero tampouco no centro. Está na nosa independencia e no respecto á verdade, no rexeite da dobre verdade ou da verdade que nos convén. O intelectual debe estar sempre na oposición, a oposición de quen non pode ser amado por ninguén”. Non se trata de ser equidistantes, senón equiopostos.

     Pertenzo a Barbantia, e escribo cun inmenso pracer o limiar deste anuario desde o primeiro número, porque estou convencido de que, independentemente da ideoloxía concreta dos socios e dos colaboradores, todos compartimos un sentido común que nos permite ver a evidencia, como demostran os traballos que aquí mesmo podedes ler, e saír da botella en que unha sociedade enferma de ideoloxía nos quere meter.

2 comentarios en “Limiar Anuario 2019

  1. Prezada Carmen:

    Que ben o expresas. Ese é o verdadeiro problema. Cando só as diferenzas importan, dámos por suposto o que temos en común, debilitándoo. Observas como se comportan as persoas no mundo real e só ves coincidencias (pensa por exemplo no que fixemos neste Nadal), independentemente das ideas políticas, e despois escóitalos falar e parece que viven en mundos irreconciliables. O único que vexo é persoas que invocan unha ideoloxía para poder odiar con coartada. E canto máis impresentables son, máis protagonismo adquiren. É deprimente. Estou relendo a Erasmo e xa el o dicía no século XVI.
    Hoxe é o mesmo, porque a política non é máis que relixión. Tantos esforzos para construír sociedades laicas e o que observamos é a proliferación de relixións.
    Por iso case será mellor que equiopostos siga a ser unha palabra clandestina.
    Os perdedores sempre estiveron máis preto da clandestinidade que da oficialidade.

    Unha aperta agradecida

  2. Querido profesor:
    En los comportamientos de unos y de otros se ve a las claras que cada cual va a lo suyo, sin tener en cuenta para nada a las personas de las que se declaran paladines.
    “Manipulación”: he ahí la clave del asunto. Si cada uno escuchase un poco más a su conciencia, con los oídos del alma bien abiertos, mejor iría el mundo.
    Me parece fabulosa la distinción que haces de evidencia y verdad.
    Prejuicios, lenguaje, ideología: si lográsemos despojarnos de esos tres condicionantes, o los viésemos desde una perspectiva menos radical, el entendimiento entre las personas y los pueblos sería más auténtica, más fructífera. Y, por supuesto, despojándonos de muchos intereses que no dan la felicidad aunque lo parezca.
    Encuentro formidable tu prólogo, de una claridad diáfana. Imposible expresarse con más precisión.
    Me he salido de la normativa escribiendo por la mañana: quería asegurarme de que había sido publicado el encargo de Magdalena.
    Ah, he buscado el vocablo “equiopuesto” y no lo encuentro. Me parece que tiene entidad para formar parte del vocabulario oficial
    Un abrazo, profesor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *