Silencio e saúde

pexels-photo-2590589Fidel Vidal. O meu alimento é o silêncio do mundo” (Almada Negreiros, Encontro). Segundo Rof Carballo, entre o silencio e a palabra está o barballar. Nesta ocasión non imos referirnos ao silencio como descansos na fala, ou como el propio, ben expresivo nalgunhas situacións, senón que nos dedicaremos a estoutro silencio menos profundo e complicado e definido como ausencia de son, ou, para dicilo sen máis preámbulos, á falta de ruídos. E lembramos aquela frase dos maiores que apenas comprendiamos: “Caladiño estás máis guapo”. De aí talvez o consello contado por Freud respecto de Afrodita que para ser elixida a máis guapa do concurso de beleza só debería permanecer calada.

Ao escribir ou dicir silencio axiña acode a frase de Hamlet pronunciada antes de morrer: “O resto é silencio”. O silencio dos mortos e dos cemiterios enfrontado ao balbordo dos vivos e dos bares. “O silêncio aterra como se houvera morte” (Fernando Pessoa asinado por Bernardo Soares, Livro do desassossego). Nin o silencio dos mortos nin o escándalo dos vivos. Mais vémonos inmersos na contaminación acústica, baixo un estrondo desagradable, nun ruxido que chega alcanzar a denominación de “violencia acústica”. Unha tortura, un problema de saúde mental. Así o recolle a Asociación Contra o Ruído e Actividades Molestas. España conseguiu, despois do Xapón, o nada recomendable segundo posto dentro dos países máis ruidosos entre os analizados pola OCDE.

Quen máis quen menos, todos sufrimos a experiencia de sentármonos nunha cafetería ou nun restaurante e aguantar, a todo trapo e ao mesmo tempo, un televisor e unha máquina comecartos, acompañados de berros e gargalladas (levaba razón Vargas Vila ao definilas como relinchos do home) de certos veciños que interfiren nos intentos de falarmos entre os amigos de mesa. Sen botar man do alleo, centrémonos só nas nosas casas; despois de permanecer atentos durante unha ou dúas horas ao despregue, incluídos numerosos anuncios publicitarios, de imaxes e voces que saen do televisor, probade a quitar o son. De súpeto, como un milagre, percibiremos nas tempas unha sorte de descompresión aliviadora, a liberación dun apertado xustillo cranial.

pexels-photo-568025Para un ouvinte o silencio absoluto non existe. Se acaso o mellor silencio é o que nos ofrece a natureza (sosegada). O doutor Raichle (Cerebro e silencio), nunha entrevista de Ima Sanchís (La Vanguadia, 05/11/2019), refírese ao “murmurio dun regato ou do vento”, no que podemos incluír pisadas ou o esvarar das ondas na praia. Todos eles, os chamados polo xunto silencio da natureza, ofrecen unha “sensación agradable”, tanto que “reduce a tensión arterial e o azucre no sangue e mellora a saúde cardiovascular e metabólica, así como a concentración e a memoria”.

Sobre a importancia do silencio nos seres vivos, hai experimentos con ratos nos que se observou un crecemento do número de neuronas no hipocampo, área que regula emocións, memoria e aprendizaxe. Van ter razón os ratos respecto dos beneficios dunha boa ración de silencio. Por outra banda, o doutor Qing Li seica lle confesou que “pasear polo bosque potencia o sistema inmunitario”. O mesmo Raichle lembrou estas palabras de Pascal: “Todas as desgrazas dos homes veñen de non saberen permanecer nun cuarto”. Nun cuarto sen ruídos, engadimos nós. Que tomen nota os establecementos públicos se queren pensar no benestar e na saúde da clientela.

3 comentarios en “Silencio e saúde

  1. Muy apreciado Fidel: A vosotros, admirados profesionales de las letras, desde PALMEIRA, mi deseo sincero de una muy FELIZ ENTRADA DEL AÑO 2020.
    Mis besos y abrazos a todos.

  2. Moi agradecido, miña atenta Magdalena, pola presenza o venres no “Lustres Rivas” e polas túas sempre axeitadas opinións. Un pracer. Feliz Nadal.
    Saúde e unha magnífica entrada (e saída) no 2020.
    Bicos.

  3. Hace unos días asistimos a una comida “fraternal” en la que éramos más de quinientas personas. Era tal el rumor desarticul-ado y lleno de artículos confusos sin armonía ni concierto, que para hablar con el de enfrente había que hacer bocina con las manos. Ese “barballar”, esa contaminación acústica, se comía el sabor de las viandas allí servidas.
    En una ocasión viajó a Canadá una excursión de aquí de nuestro país a visitar las cataratas del Niágara. Al bajar del autocar, el guía, tuvo que rogar a la gente que llevaba consigo, un poco de silencio para poder escuchar el murmullo del agua.

    Querido Fidel, ha sido un placer compartir contigo el viernes, aquel pequeño espacio de tiempo, y como decía Picasso: “Eu non busco, atopo” y sin querer he dado contigo y con tus magníficos libros. Luego tú añades: “Máis quen atopa só pode ser quen anda na busca”. Es posible.

    NARRAN los cOmUnIcAntEs, pero… en voz baja, porque “nin o silencio dos mortos nin o escándalo dos vivos”.

    FELICES FESTAS, ADMIRADO FIDEL.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *