Valente e a unidade das artes en Fonseca

Valente e Chillida

Valente e Chillida

Pilar Sampedro. Para corroborar a frase de Valente: “Eu creo na unidade das artes”, a cátedra que leva o seu nome na Universidade de Santiago organiza a mostra na que se pode acceder ao diálogo entre a arte literaria e a plástica. Se facemos historia, podemos lembrar que foi a raíz do seu nomeamento como Doutor Honoris Causa pola USC cando se crea a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética coa doazón que o poeta ourensán fai do seu arquivo e biblioteca persoais. Estes materiais permanecen, a disposición de investigadores, no último andar da biblioteca da Facultade de Filoloxía, onde foi creada esta cátedra, dirixida, neste momento, polo profesor Claudio Rodríguez Fer, comisario desta exposición e máximo coñecedor do súa obra.

As carpetas de poemas e gravados son colaboracións bastante comúns entre escritores e artistas, especialmente cando os poetas teñen querenza polo mundo das artes plásticas como é o caso. Valente, tanto en poesía como en ensaio, tense referido a pintores que van dende Durero ou Uccello a Schiele ou Duchamp. Conta, Valente, con libros feitos en colaboración con artistas como: Emblemas (Saura), El péndulo inmóbil (Tàpies), Desaparición Figuras (Rebeyrolle), Raíz de lo cantable (Partenheimer), Estar estarse (Forteza), Cántigas do Alén (Chillida), Tres lecciones de tinieblas (Baruj Salinas e Pérez Carrió), Cima del canto (Coral Valente)… nos que os seus poemas aparecen acompañados polos gravados destes artistas, pero tamén se mostran obras de Leopoldo Nóvoa ou Virxilio xunto con libros publicados pola cátedra Valente nos que colaboran estes e outros artistas, como Sara Lamas, Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Sobral ou Lola Valls, continuando así a contribución interartística que partía do autor.

Esta é a segunda exposición que se realiza desde a cátedra e arredor do poeta e a súa relación coa plástica, a primeira, no ano 2003, levaba o nome de A palabra e a súa sombra. José Ángel Valente: o poeta e as artes. Na presentación desta exposición anunciouse unha próxima na que se recollería a súa relación coa fotografía.

En principio, os libros son para ler e os cadros para mirar, pero os libros infantís téñenos acostumadas aos libros ilustrados onde ambos campos se mesturan, igual que sucede co álbum, banda deseñada, novela gráfica… os libros de artista son unha mostra de como a palabra pode unirse ás artes da imaxe, de como varios artistas de diferentes manifestacións poden colaborar nun traballo para ler e mirar, de como un mesmo artista pode escribir convertendo a súa caligrafía en xestualidade como fixera tantas veces Novoneyra, ou escribir de puño e letra e ilustrar ao tempo como fixera Avilés de Taramancos na derradeira das súas obras, Última fuxida a Harar,despois de que nos dera a coñecer con anterioridade as edicións limitadas dos seus libros en gran tamaño, elaborados directamente polo poeta para as amigas e amigos máis próximos.

Un comentario en “Valente e a unidade das artes en Fonseca

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>