Os Estados e Imperios da Lúa, de Cyrano de Bergerac

31WhbujiD0L._SX327_BO1,204,203,200_Fidel Vidal. Cyrano de Bergerac (1619-1655) co seu extraordinario nariz, antes de o coñecer como autor soubemos del como personaxe de cine grazas a dúas películas baseadas na obra de teatro de Edmond Rostand. Unha de 1960 interpretado por José Ferrer e despois en 1990 por Gérard Dupardieu. Por iso resulta altamente atractivo entrar nos seus escritos que nos certifican a fantasía e agudeza da que é capaz o autor.

Os Estados e Imperios da Lúa (Rinoceronte, 2019) con Introdución, notas e tradución de Henrique Harguindey Banet, narra as peripecias acontecidas no percorrido por novos e fantásticos territorios nunha viaxe realizada grazas á potencialidade voadora duns “frasquiños cheos de orballo”. Sexa nos imperios da Lúa ou do Sol, podemos dar coa incógnita sobre cal foi o destino da serpe que tentou a Eva e Adán; nos que atopamos seres que viven “tres ou catro mil anos”, e utilizan dous idiomas: un para “os grandes” e outro para “os pobos”. No primeiro a conversa vai de tons, e no caso de estaren cansos de falar, poden utilizar un laúde; mentres no segundo comunícanse mediante alarde de abaneo dos membros, mesmo “certas partes do corpo significan un discurso enteiriño”.

566px-Cyrano_MondHainos que non necesitan mastigar para comer. Abóndalles co recendo. Ou lugares nos que se paga non con diñeiro senón con versos. “É a moeda do país”, a tanto o sexteto, e non digamos o valor dun soneto. Discuten de Deus, da guerra –que se pode resolver a cara ou cruz-, de filosofía, da materia universal que dá lugar, segundo o grado de solidez, a un carballo, un lamigueiro, un salgueiro… Tampouco saen libres os vexetarianos. “Porque, dicídeme: ese repolo do que falades, seica non é unha criatura d Deus coma vós?”. Se o repolo puidese falar habería de dicirvos: “Home, meu querido irmán, que che fixen eu que mereza a morte?” E por aí, incluídos dous tipos de cidades, as móbiles e as sedentarias.

Abonda en reflexións e debates ideolóxicos, e concordamos que Os Estados e Imperios da Lúa aparece como un auténtico precursor da ciencia ficción. Ademais de, antes ao contrario, ser un pretexto para amosar a visión persoal materialista do autor e, dun xeito orixinal con trazos cómicos, ser quen de criticar con dureza a sociedade na que vive. Malia tratándose dunha escrita “plenamente barroca”, como advirte Harguindey na Introdución, o esforzo de ler esta obra de Cyrano de Bergerac “ben paga a pena”.

2 comentarios en “Os Estados e Imperios da Lúa, de Cyrano de Bergerac

  1. Querido Fidel; en unha ocasión, fai moitos anos, – figúrate aínda eu estaba solteira – fun a unha voda, e diante de mín, na mesma mesa, estaba unha parella de recén casados tamén de Palmeira; ela era unha moza moi xeitosa e el era moi moi feuchiño, naquel momento pensei que como gostaría dese mozo tan laído, pero cando comezou a falar, os meus pensamentos mudaron. Falaba tan ben, que naquel intre pensei aquilo de que era certo aquilo de: “verbo mata galán”.
    Pois con Cyrano de Vergerac, disque pasaba o mesmo. Ca sua verba facía que a xente que o escoitaba nin se fixase no seu grande apéndice nasal.
    Nunca tiven a oportunidade de ler nada del, xa me gostaría. A ver si algún día polo rastro de Padrón atopo “eses frasquiños cheos de orballo” sen ter que ir a lua ou a o sol.
    ACUDE, E EDUCA, para estar pUlImEntAdO.
    Castos biquiños palmeiráns.

    1. Dá gusto ler os teus comentarios, querida Magdalena -a dos “castos biquiños”-, e maiormente nun galego que xa quixera eu para min. Está visto que a “figura” pode ser un aval para namorar, mais tamén é verdade que os manequíns, por moi guapos que se amosen, ao lles faltar a verba quedan niso: na pura estampa.

      A PARADA DA RAPA nos LaMiGueiRoS.
      Saúde e fermosas palabras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *