Música para Roldeiro

a2754742407_10Gonzalo TrasbachÚltimo día dun xaneiro enchoupado pola choiva. Cae a tarde e vas ao tanatorio darlle o pésame a un veciño. E, inesperadamente, tópaste cun antigo xogador do Boiro, entre outros equipos: Roldeiro, home que, ademais, traballa no servizo de Deportes do Concello de Rianxo e paralelamente adestra ao Arousana feminino. Alégraste de velo. Falades de moitas cousas, entre outras, de música, unha afección común para os dous. Volves para a casa despois de visitar o río. Diante da potente e escura escorrentada que baixa polo leito, decides dedicarlle varios discos ao rianxeiro. O mesmo se os coñece ou non, que lle gustan ou non. Imos co primeiro: “Fireraisers Forever!” de Comet Gain.

Despois de cinco anos calados, os londinienses retornan coas mans ateigadas de melodías pegadizas, farfisas flotantes, ritmos tribais e proclamas subversivas. Como mostra: We’ re All Fucking Morous (somos todos uns putos idiotas), unha das rotundas cancións do convulso ano pasado. Abre o seu oitavo álbum Comet Gain cun mandoble riotgirrrl dirixido con madeira de retranca contra esa obsesión xeracional en que se acabará convertendo o brexit. Pero ademais, os de Londres miran para outros territorios: a nosa decrepitude e tamén, a pesar da súa aparencia escagallada e nostálxica, lanzan unha aceda crítica ao mundo que se derruba ao seu ao redor. Como sempre, frescos e divertidos.

51HqQ04IHoL._SS500_O segundo é unha colección de cancións dese raro fenómeno sonoro que se chama Burial: “Tunes 2011-2019″. Se os discos de William Bevan durante a primeira década deste século revisaban a cultura rave, que non viviu, “Tunes” podería considerarse como unha homenaxe ao compendio de músicas denominado hardcore continuum. Son 17 cortes abundantes, xenerosos, que certifican a robusteza dos alicerces que sostiñan “Burial” (2006) e “Untrue” (2007), ao tempo que descobre novas conquistas de gran calado formal. Será por isto polo que lle chaman o arcanxo de Londres? Un personaxe e un músico misterioso, misterio que ilumina os seus máis que estraños temas, nos que están reflectidos todos os sons da noite londiniense desde a música que se pica nos clubs ata as pisadas (uns tacóns) nas beirarrúas e rúas, pasando pola choiva, o vento, o ruído dun coche ao pasar sobre o asfalto, as chupadas dadas a un cigarro, as conversacións…

Pechamos a dedicatoria cunha memorable misa cantada: “Ghosteen” de Nick Cave&The Bad Seeds. Como agardabamos os que somos os seus seguidores, sobre todo despois de escoitar “Skeleton Tree” (2015), onde empezou unha viaxe sen retorno que agora o australiano e a súa banda confirman neste disco, no que de punta a cabo se nos antolla sobrevoa a pantasma adolescente do seu fillo morto, tras caer por un cantil hai agora catro anos. Se o anterior álbum eran tremendo no plano emocional, onde había referencias explícitas ao falecemento do seu neno, neste Nick canta e reza pola súa ausencia, a ausencia do que se foi para sempre.

Nick-Cave-and-The-Bad-Seeds-Ghosteen-2019Neste dobre traballo (dura oitenta minutos), bautizado coa contracción de dúas palabras que transmiten un estado de animo: “fantasma” e “adolescente”. <Estou ao teu lado, búscame>, di Cave en Ghosteen Speak, un dos temas que reúne o sentido espiritual que alenta no disco, un disco que ben podería considerarse como unha solemne misa cantada nunha catedral como a de Compostela. Aquí, despois da esgazadura, vén a luz, que brilla tras a volta do camiño. O aquí presente talvez só sexa a silueta dunha órbita que empezou a debuxarse en “Push The Sky Away” (2013), que xa apuntaba na dirección deste álbum, pero que se fixo evidente en “Skeleton Tree” (2015), e que é a culminación dunha terceira vía nunha traxectoria que se adiviñaba en ” Abbatoir Blues/ The Lyre Of Orpheus” (2004), así como na paréntese de “Dig Lazarus Dig!” (2008), pero tamén nos dous descansos vándalos que se regalou con Greenderman. Poucos conseguiron vivir tres épocas distintas na súa longa andaina sonora.

4 comentarios en “Música para Roldeiro

  1. Gonzalo,

    A min tamén me alegrou verte despois de tanto tempo sen coincidir. En canto a este agasallo, darche as gracias pois fáicheme ben de ilusión xa que disfruto escoitando/compartindo música cos amigos e descubrindo novos grupos a través dos xeitos mais inesperados, como o é este. Xa sabía da túa afección á música polos teus escritos en La Voz nos que coñecín, entre outros, a Morphine, e agora escoitarei con calma as túas recomendacións.

    As dúas primeiras non as coñezo, así que terás que agardar a que as cate. En canto a Ghosteen, xa che adianto que Nick Cave para min está entre os mais grandes da historia do rock. Non é esta última etapa a que mais me chega, aínda que ten momentos incribles e a historia que hai detrás é durísima. Son mais doutras etapas coma a de No More Shall We Part, Let Love In, Boatman´s Call ou o díptico que citas, The Lyre of Orfeous Abattoir Blues… Este Ghosteen vaime entrando pouco a pouco e cortes como Sun Forest, Bright Horses ou Waiting for you xa me teñen enganchado. O de misa cantada pareceume moi apropiado…

    Nada mais, vouche corresponder ó detalle e regalarche, “mesmo os coñezas ou non, mesmo che gusten ou non” algúns discos que agora mesmo me teñen atrapado. Non son novidades, son discos e grupos que acaban de chegar a min pero que xa me acompañarán por moito tempo. Por suposto non podo escribir tan ben de música coma ti (nin de nada), así que me limitarei a un pequeno comentario.

    The Drones – I See Seawseed (2013)
    Australianos, un pouco de garage, punk, alternativo… pero esa voz e o xeito de cantar dinme algo especial.

    Archive – You All Look the Same to Me (2002)
    Como che dixen o outro día non son moito de electrónica pero este disco ten mais matices e solo polo corte inicial, “Again” vale a pena.

    Madrugada – Industrial Silence (1999)
    Noruegos, débenlle o nome a un poema de García Lorca. Descubrinos fará un par de anos e non entendo como non triunfaron a nivel masivo. Este é o debut pero calquera dos catro discos que sacaron é recomendable. Siver Hoyem, o cantante, ten unha voz espectacular, con ecos, segundo a canción, de Cave, Cohen, C. Isaak. Tamén ten unha interesante carreira en solitario.

    Bonus track: para que non se diga que non hai ningunha novidade, bótalle unha escoita a The Murder Capital – Whe I Have Fears (2019).

    Xa tomei nota de Café Barbantia. Haberá que empear a bucear…

    De novo, un pracer!

    1. Gracias a ti por contestarme. Gracias tamén polas recomendacións. Mirarei de facerme con eles, pois tampouco os coñezo. Gustame que me recomenden libros e discos. Cando os escoite, tamén te direi algo. A ver se nos vemos axiña outra vez.

  2. Bos días, benquerido Gonzalo; botábase en falta a tua presenza neste Café. Alégrome moito de verte reaparecer, seguro que tanto como ti, de ver ao teu amigo rianxeiro.
    Non te esquezas de nos, que a tua entrada sempre se espera con pracer.
    Unha aperta dende Palmeira.

    1. Gracias Magdalena polo teu amable recibimento. Veremos o que podemos facer de agora en diante. Non ando nin sobrado de tempo nin de forzas. Bicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>