Fidel Vidal. Cyrano de Bergerac (1619-1655) co seu extraordinario nariz, antes de o coñecer como autor soubemos del como personaxe de cine grazas a dúas películas baseadas na obra de teatro de Edmond Rostand. Unha de 1960 interpretado por José Ferrer e despois en 1990 por Gérard Dupardieu. Por iso resulta altamente atractivo entrar nos seus escritos que nos certifican a fantasía e agudeza da que é capaz o autor.
Os Estados e Imperios da Lúa (Rinoceronte, 2019) con Introdución, notas e tradución de Henrique Harguindey Banet, narra as peripecias acontecidas no percorrido por novos e fantásticos territorios nunha viaxe realizada grazas á potencialidade voadora duns “frasquiños cheos de orballo”. Sexa nos imperios da Lúa ou do Sol, podemos dar coa incógnita sobre cal foi o destino da serpe que tentou a Eva e Adán; nos que atopamos seres que viven “tres ou catro mil anos”, e utilizan dous idiomas: un para “os grandes” e outro para “os pobos”. No primeiro a conversa vai de tons, e no caso de estaren cansos de falar, poden utilizar un laúde; mentres no segundo comunícanse mediante alarde de abaneo dos membros, mesmo “certas partes do corpo significan un discurso enteiriño”.
Hainos que non necesitan mastigar para comer. Abóndalles co recendo. Ou lugares nos que se paga non con diñeiro senón con versos. “É a moeda do país”, a tanto o sexteto, e non digamos o valor dun soneto. Discuten de Deus, da guerra –que se pode resolver a cara ou cruz-, de filosofía, da materia universal que dá lugar, segundo o grado de solidez, a un carballo, un lamigueiro, un salgueiro… Tampouco saen libres os vexetarianos. “Porque, dicídeme: ese repolo do que falades, seica non é unha criatura d Deus coma vós?”. Se o repolo puidese falar habería de dicirvos: “Home, meu querido irmán, que che fixen eu que mereza a morte?” E por aí, incluídos dous tipos de cidades, as móbiles e as sedentarias.
Abonda en reflexións e debates ideolóxicos, e concordamos que Os Estados e Imperios da Lúa aparece como un auténtico precursor da ciencia ficción. Ademais de, antes ao contrario, ser un pretexto para amosar a visión persoal materialista do autor e, dun xeito orixinal con trazos cómicos, ser quen de criticar con dureza a sociedade na que vive. Malia tratándose dunha escrita “plenamente barroca”, como advirte Harguindey na Introdución, o esforzo de ler esta obra de Cyrano de Bergerac “ben paga a pena”.
Querido Fidel; en unha ocasión, fai moitos anos, – figúrate aínda eu estaba solteira – fun a unha voda, e diante de mín, na mesma mesa, estaba unha parella de recén casados tamén de Palmeira; ela era unha moza moi xeitosa e el era moi moi feuchiño, naquel momento pensei que como gostaría dese mozo tan laído, pero cando comezou a falar, os meus pensamentos mudaron. Falaba tan ben, que naquel intre pensei aquilo de que era certo aquilo de: “verbo mata galán”.
Pois con Cyrano de Vergerac, disque pasaba o mesmo. Ca sua verba facía que a xente que o escoitaba nin se fixase no seu grande apéndice nasal.
Nunca tiven a oportunidade de ler nada del, xa me gostaría. A ver si algún día polo rastro de Padrón atopo “eses frasquiños cheos de orballo” sen ter que ir a lua ou a o sol.
ACUDE, E EDUCA, para estar pUlImEntAdO.
Castos biquiños palmeiráns.
Dá gusto ler os teus comentarios, querida Magdalena -a dos “castos biquiños”-, e maiormente nun galego que xa quixera eu para min. Está visto que a “figura” pode ser un aval para namorar, mais tamén é verdade que os manequíns, por moi guapos que se amosen, ao lles faltar a verba quedan niso: na pura estampa.
A PARADA DA RAPA nos LaMiGueiRoS.
Saúde e fermosas palabras.