O eremitorio da Misarela e a súa lenda

O elemento que se correspondería coa barca é totalmente visible no río Pedras
O elemento que se correspondería coa barca é totalmente visible no río Pedras

Ezequiel Lago Mallo. A súa lenda recórdanos que houbo un tempo no que algúns santos empregaban macizas barcas de pedra nas súas travesías. No termo municipal da Pobra do Caramiñal, encóntrase o xacemento arqueolóxico denominado eremitorio de San Xoán da Misarela, máis concretamente nas inmediacións do lugar de Aldea Vella, parroquia de Santa Cruz de Lesón. Situado topograficamente a unha altura de 175 metros sobre o nivel do mar, os seus restos localízanse na confluencia dos ríos San Xoán e Barbanza, a partir dos cales nace o río Pedras, onde se encontran as coñecidas piscinas naturais do municipio.

Xacemento coñecido dende antigo, foi obxecto dalgunhas publicacións feitas por especialistas, pero non foi ata o 2017 cando se realizou o primeiro estudo documental e arqueolóxico que nos permitiu coñecer e comprobar hipóteses que se tiñan proposto sobre el.

De acordo coas investigacións realizadas, as súas orixes e historia están ligadas, dun ou doutro xeito, ao mundo da fe cristiá. Algunhas referencias históricas, xunto con cerámicas propias da época, indican que nestas paraxes estiveron destacados membros da orde beneditina, nalgún momento, a partir do século XIII, a pesar de que tradicionalmente se vincula coa presenza de eremitas franciscanos, os cales ocuparían o lugar a finais do século XIV.

Amén de anaquiños de cerámicas da época, consérvanse bulas papais de Bieito IX, nas que se alude a este momento franciscano, destacando a autorización para levantar eremitorios (Vestrae devotionis integritas, ano de 1392), ou o reconto dos eremitorios no territorio de Galicia (Ad ea, ano de 1407), relación na que se atopa San Xoán da Misarela.

Os beneditinos volverían ao lugar no século XV, cando os franciscanos se trasladan a unha nova localización, mais unicamente temos cerámicas que o indican.

A lenda

Nun momento indeterminado, entre o río Pedras e Misarela, tivo lugar un episodio de persecución e fuxida; a tradición oral sitúa a San Mauro, mentres que Frei Martín Sarmiento, en 1745, sitúa a San Xoán; en última instancia, un santo nunha barca de pedra estaba sendo perseguido polos «mouros»; durante a súa fuxida, a providencia fixo que conforme este remontaba o río, o caudal se anegase de grandes cantos rodados que obstaculizaron o paso dos seus perseguidores, sendo esa a orixe do nome do río Pedras.

O santo, finalmente, consegue escapar e véndose libre de perigo, abandonou o seu medio de fuxida, a súa barca de pedra, nunha ribeira do río Pedras, nas inmediacións da Misarela; Sarmiento recolle a lenda con certa incredulidade «a la orilla del río se ve una piedra que llaman el Barco, y dicen que en él vino San Juan y otras pataratas semejantes». Máis, o certo é que, sen restarlle singularidade, esta non é a única lenda asociada á chegada dun santo nunha barca de pedra que podemos encontrar en Galicia; sen irnos moi lonxe, a Padrón terían chegado os restos do apóstolo Santiago traídos polos seus discípulos nunha destas singulares embarcacións, a cal, nos últimos años, está sendo buscada arqueoloxicamente; con todo, na Misarela, hoxe en día, ese elemento que se correspondería coa barca é totalmente visible no río Pedras, e parece unha embarcación recostada a estribor, agardando o momento de navegar de novo.

Ademais, esta barca presenta paralelos con embarcacións reais. Pero iso xa é outra historia.

Un comentario en “O eremitorio da Misarela e a súa lenda

  1. Bienvenido Ezequiel:
    Buenísimo artículo. Has comenzado en esta Cafetería agasajándonos con un buen cóctel.
    El libro del éxodo nos cuenta como Moisés abrió con su báculo las aguas del Mar Rojo, esa historia hizo ganar muchos óscar a Cecil B DeMille. Esto que hoy nos cuentas seguro que te daría para un buen libro.
    Desconocía que ahí existiera ese yacimiento arqueológico. Cuando se presente la ocasión daré mi recorrido cotidiano por esos parajes para ver por lo menos los vestigios de tal sucedido.
    Como anécdota te diré que mi padre siendo todavía un muchachote soltero se cayó desde la bicicleta al río Pedras, con tal suerte que se cayó de pie ( como los gatos) y salió indemne. Igual san Mauro o san Juan andaban por allí flotando en el éter y le echaron una mano.
    De nuevo bienvenido y mucha salud, Ezequiel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *