Marilyn, de Joana Vasconcelos

26df6571b740c1775e79b4e84ba52233Fidel Vidal. Os zapatos -e non digamos as formas de madeira nas que se embuten para os adaptar á comodidade dos pés-, deron xogo dabondo ao longo da historia da creación. Hai contos nos que participan como protagonistas, tal o zapato de cristal da Cincenta ou as botas de sete leguas do gato, de Perrault. Na pintura lembremos A randeeira de Fragonard onde un zapato polo ar capta a atención do espectador, as babuchas de Delacroix, o par zocas ou os zapatóns de labrega de Van Gogh, os zapatos-pés en AFilosofía no tocador de Magritte, por non mencionar as series temáticas de Warhol.

A escultura tamén ofrece grandes (por excesivas) obras onde os zapatos exhíbense como tema principal. Por exemplo, Zapatos Vellos en bronce de Héctor Lombana en Cartagena de Indias. Mais o que nos trae hoxe é Marilyn, monumental peza –unha auténtica instalación- de Joana Vasconcelos, considerada, especialmente desde a súa participación na bienal de Venecia do 2015, como a creadora portuguesa (nacida en París) de maior proxección internacional da súa xeración. Mesmo foi quen da ousadía –a arte xamais se debe achicar- de levantar un galo de Barcelos (Galo pop) de dez metros, fachendoso, que adornou os exteriores do Museo Guggenheim de Bilbao durante a antolóxica do 2018, a primeira dedicada en España a esta creadora.

Etiquetada por algúns como kitsch, Joana considérase unha artista conceptual. “Son unha artista conceptual. Non funciono como un escultor do século XIX que partía da técnica e do material e despois desenrolaba a súa obra. Eu parto dunha idea e logo reprodúzoa. A escala, os materiais, as técnicas… atópoas no proceso conceptual non no material”. Acerta Raquel Henriques da Silva cando di que as obras de Vasconcelos -e isto é favor que lle debemos- “são imediatamente reconhecidas não apenas por especialistas, mas, pelo menos em Portugal, por setores da população que não costumam frequentar museus ou galerias”. Velaí a repartición do sensible ou como compartir unha experiencia estética.

f5422cc845e3d99067cc0bf0a317fd40A exposición de Vasconcelos en Versalles -ademais de a converter na primeira muller en expoñer nese pazo- foi unha “ocasión perfecta para recorrer en 15 obras unha traxectoria marcada pola maxia da desmesura e a reivindicación do puramente feminino” (Alex Vicente, Joana Vasconcelos, a arte hipertrofiada en Versalles, 2012). Marilyn son dos zapatos de tacón alto construídos con cazolas que presidiron a galería dos Espellos do pazo de Versalles de París. Os cacharros de cociña, sen estrear, asaltando nada menos que Versalles. Instalada in situ a base de olas e tapas de aceiro inoxidable e cemento, coa forma de zapatos de tacón de agulla duns tres metros de altura, mediante a que Vasconcelos cabila sobre a muller expresando “a dualidade da súa vida”. Unha muller que está na casa (a ola) ao tempo que traballa fóra (os zapatos).

O título fai referencia a Marilyn Monroe, muller e lenda, unha “fugaz gloria e traxedia que a converteron nun mito planetario”. “O brillo metálico das potas asociado aos reflexos dos espellos que adornan o arco, causan un conxunto desconcertante de reflexos que multiplica o espazo sen cesar” (Sandrine Lavy). Velaquí o luxo das cazolas. Cazolas para o arroz convertidas en luxosos zapatos de tacón de agulla. Nós sentímonos máis cómodos e mellor identificados coa escala humana, coa estética da artesanía tamaño natural: as zocas (madeira) e os zocos (madeira e coiro).

2 comentarios en “Marilyn, de Joana Vasconcelos

  1. Espero, miña moi atenta e casta en bicos Magdalena, que a visita á Cidade da Cultura fose ben aproveitada. Paga a pena só por ver a Santa de Asorey.
    Unha semana sen zapatos de tacón non van estragar ningunha clase de “realce”. O importante é curar ese “talón” (sen fondos? Coido que non).
    Saúde e unha casta despedida.

  2. Querido e apreciadísimo Fidel:
    Nin máis nin menos oxe falas de zapatos, cando eles foron os que me provocaron una lesión no mismísimo tendón de Aquiles. Dentro de un pouco salo para a Capital de Galicia e teño que ir de zapato plano sen poder darlle un pouco de realce a miña corta estatura. Bueno, que lle vamos a facer.
    Os que ahí mostras, ademáis de moi orixinales son una preciosidade. Moitos parabens para a autora que demostra ter unha boa testa.
    De Marilyn, que che vou a dicir: cando empezou a facer cine, os críticos non daban un dólar por ela, incluso pensaban que non sabía falar. Cando foi a protagonista de “Con faldas y a lo loco” os que a criticaban, mudaron de pensamento, porque a cámara estableceu con ela unha relación erótica que o público percibeu con toda intensidade. Foi a máxima representante dos anos cincuenta e tamén a de mellor calidade.
    Téñome que ir, querido Fide, pero voume contenta polo que me espera na Cidade da Cultura e tamén por deixarte o meu saludo aquí plasmado; espero que no me teñan que levar nunha angarella, por si acaso pediréille o favor ao Apóstolo que si me axuda a andar ben, recibirá unha ÁVIDA DÁDIVA para axuda da sua mAnUtEncIÓn.
    Moitos, moitos castos biquiños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>